Fíltrase o deseño dos Huawei P20, P20 Plus e P20 Pro

Como cada ano por estas datas, Huawei ultima os preparativos para o lanzamento do seu novo terminal de referencia, a serie “P”, que este ano podería dar un salto no naming para pasar do P10 ao P20, no canto do P11 que correspondería de seguir a tendencia actual.

Porén, as últimas informacións que proveñen da China apuntan a que o novo Huawei P20 non chegará só, senón que o fará acompañado de outros dous modelos, o Huawei P20 Plus e o P20 Pro. En todos eles o principal elemento diferenciador é a presenza dunha cámara traseira triple, que permitirá imaxes de 40 megapíxeles e un zoom híbrido 5x.

Tanto o Huawei P20 coma o P20 Plus terán un deseño semellante na parte frontal, co sensor de pegadas dixitais situado na parte inferior central, aínda que a triple cámara terá unha distribución diferente, horizontal no P20 e vertical na versión Plus.

Un tanto diferente será o Huawei P20 Pro, o modelo que conta cunha maior relación pantalla – corpo do trebello, que ademais leva a pequena “cella” semellante á do iPhone X.

Especificacións aínda por determinar

Polo de agora descoñécense as especificacións dos novos modelos, aínda que se especula con que os P20 / P20 Plus leven o procesador Kirin 970 (o mesmo que xa empregan os Mate 10 / Mate 10 Pro), mentres que o P20 Pro levaría o novo Kirin 975. En todos os casos teríamos 6 GB de RAM e 64 GB de memoria interna de base.

Todas estas novidades poderían ser presentadas no próximo Mobile World Congress, que se celebrará en Barcelona entre os días 26 de febreiro e 1 de marzo, polo que as próximas semanas poderían ser clave para seguir descubrindo as súas características.

Sobre o autor

Reply