Malia que a gama alta de Samsung marca tendencia (non hai máis que ver o éxito das pantallas “infinitas”), os seus dispositivos de entrada seguen a ser demasiado básicos, se temos en conta que a meirande parte dos fabricantes xa achegan unhas características máis ambiciosas a estes modelos de prezo baixo.
Un destes últimos exemplos é o novo Samsung Galaxy J2 Pro, un modelo asequíbel orientado a usuarias que non teñen grandes pretensións co seu terminal, e que tampouco queren gastar unha cifra moi elevada nun dispositivo.
O trebello incorpora unha pantalla de 5 polgadas SuperAMOLED con resolución qHD (960 x 540 píxeles), e no seu interior leva un procesador de catro núcleos a 1,4 GHz, xunto con 1,5 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, que poden ser ampliados mediante tarxetas microSD.
No apartado fotográfico atopámonos cunha cámara traseira de 8 megapíxeles con flash LED e unha frontal de 5 megapíxeles. A batería é de 2600 mAh de capacidade e como sistema operativo leva Android 7.0 Nougat, aínda que coa personalización habitual de Samsung.
Estas prestacións son, como diciamos, moi xustas para calquera uso que requira certo hardware, polo que só debería ser unha opción no caso de usuarias que queiran ter un teléfono para WhatsApp, chamar e consultas esporádicas en Internet.
Está previsto que se poña á venda en Vietnam por uns 120 euros ao cambio, mais non sería descartable que chegase ao noso país para sustituír ao J3 do 2016.