Sony inicia o ano anunciando tres novos móbiles: Xperia XA2, XA2 Ultra e L2

Sony vén de anunciar no CES de Las Vegas o lanzamento de tres novos dispositivos da súa gama Xperia, os Sony Xperia XA2, Xperia XA2 Ultra e  Xperia L2. Os dous primeiros, XA2 e XA2 Ultra, son as primeiras incorporacións á gama media da marca, que destacan especialmente pola súa cámara, mentres que o L2 aposta por unha pantalla de gran tamaño (5,5 polgadas) e cámara dianteira de 8 megapíxeles con gran angular de 120 graos.

Xperia XA2 e XA2 Ultra

Os Xperia XA2 e XA2 Ultra son moi similares, e contan coa tecnoloxía de cámara que Sony incorporou por primeira vez na serie de gama alta Xperia XZ, o que dá boa conta de como as novas gamas medias van collendo prestacións das anteriores gamas altas e, ao tempo, fai prever un ano interesante para Sony no aspecto fotográfico.

Así, o XA2 conta cunha cámara traseira de 23 megapíxeles Exmor RS TM e unha dianteira de 8 megapíxeles con gran angular de 120 graos, o que fai que sexa unha moi boa opción para selfies de gran tamaño.

A pantalla que leva é de 5,2 polgadas, con protección Corning Gorilla Glass, e o seu procesador é un Qualcomm Snapdragon TM 630, o que supón o regreso destes procesadores á gama media Sony, deixando fóra os modelos de MediaTek. A súa batería sitúase nos 3300 mAh de capacidade, e dispón de carga adaptativa de Qnovo para asegurar unha vida útil da mesma moito maior.

Pola súa banda, o Xperia XA2 Ultra é un teléfono dual selfie, que incorpora dúas cámaras dianteiras con flash, unha delas de 16 megapíxeles con estabilización óptica da imaxe e outra de 8 megapíxeles cun súper gran angular de 120 graos. Na parte traseira leva a mesma cámara ca o XA2, e neste caso temos unha pantalla de 6 polgadas FullHD e batería de 3580 mAh.

Xperia L2

Pola súa banda, o Xperia L2 ofrece unha pantalla de 5,5 polgadas con calidade HD e 3300 mAh de capacidade de batería. O procesador é un MediaTek de catro núcleos a 1,5 GHz, aínda que con 3 GB de memoria RAm e 32 GB de almacenaxe interna.

No apartado fotográfico atopámonos cunha cámara principal de 13 megapíxeles con apertura f/2.0 e na frontal cunha de 8 megapíxeles.

Dispoñibilidade e prezo

O primeiro que chegará ás tendas será o Xperia L2, que o fará a finais deste mesmo mes de xaneiro en negro, dourado ou rosa, mentres que o XA2 e o XA2 Ultra non o farán até o mes de febreiro, estando dispoñíbeis en cor prata, negro, azul e dourado. Polo de agora non se coñecen os seus prezos.

Sobre o autor

Reply