Primeiros datos do LG G7, que chegaría despois do MWC

Nos últimos dous anos LG aproveitou a súa visita a Barcelona do Mobile World Congress para anunciar o seu buque insignia da primeira metade do ano, a serie “LG G”, que este ano vai pola sétima versión. Porén, o trebello que toca este ano, o LG G7, sería presentado nun evento en solitario con posterioridade á feira mundial do móbil.

Aínda que polo de agora non ten aparecido ningunha fotografía ou render amosando o seu deseño, as filtracións comezan a achegar as primeiras informacións sobre as súas características técnicas, todas elas dentro da lóxica evolución de prestacións.

Comezando polo procesador, o LG G7 levará o Snapdragon 845, o actual modelo máis avanzado de Qualcomm. Deste modo, LG cambia a estratexia seguida nos últimos anos, nos que o fabricante surcoreano prefería escoller un modelo de procesador máis “rodado” ao último modelo por cuestións de fiabilidade.

En canto á memoria RAM, pasará dos 4 aos 6 GB de RAM, unha cifra que imaxinamos será a habitual en todos os modelos de referencia no panorama Android deste ano. A pantalla será, novamente, infinita, axustándose aos bordes de maneira semellante ao LG V30, aínda que falta por confirmar o seu tamaño.

No apartado fotográfico manterá as dúas cámaras traseiras do LG G6, e tamén levará este tipo de tecnoloxía á parte frontal do dispositivo.  Tamén herda do G6 a resistencia a auga e pó segundo o estándar IP68 e engade o recoñecemento de iris e a carga sen fíos.

En canto á data concreta da súa presentación, a estas alturas é unha incógnita, mais semella que será no mes de marzo para pórse á venda en abril, cando menos en Corea do Sur.

Sobre o autor

Reply