O Galaxy A8 (2018) xa se pode mercar no noso país

Samsung xa comezou a renovación dos seus terminais para o 2018 pola gama media co lanzamento do Galaxy A8 (2018), o primeiro dispositivo da serie A que é compatíbel coas Samsung Gear VR e tamén o primeiro en dispoñer de dobre cámara frontal.

O que máis chama a atención do trebello é o seu deseño renovado, claramente inspirado nos Galaxy S8, grazas ao uso dunha pantalla infinita de 5,6 polgadas con formato 18.5:9 e función Always On Display, que nos permite revisar as notificacións sen ter que desbloquear o teléfono de cada vez. Ademais, tamén leva certificación IP68 que protexe de auga e pó.

Das súas características o que máis destaca é o apartado fotográfico; na parte posterior leva unha cámara de 16 megapíxeles con apertura f/1.7, mentre que na dianteira incorpora a primeira cámara dobre frontal de Samsung, formada por dous sensores de 16 e 8 megapíxeles con apertura f/1.9. Con estas aperturas as usuarias poderán sacar fotos moito máis brillantes, malia que as condicións lumínicas non sexan as mellores.

En canto ao resto de especificacións, temos un procesador Exynos 7885 de oito núcleos (2 a 2,2 GHz e 6 a 1,6 GHz), xunto con 4 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 256 GB. A batería é de 3000 mAh de capacidade con carga rápida, e dispón de espazo para dúas tarxetas SIM.

O novo Galaxy A8 (2018) chega ás tendas en tres cores (negro, gris orquídea e dourado) por 499 euros, contando con Android 7.1.1 como versión inicial do sistema operativo, sen que de momento haxa información da súa actualización a Android 8.0 Oreo.

Sobre o autor

Reply