Xperia L2, o novo terminal de entrada de Sony

Sony anunciou estes días atrás o lanzamento dun novo terminal de gama entrada, anticipando que no evento do Mobile World Congress teremos ocasión de descubrir dispositivos máis punteiros da marca nipona. En calquera caso, os terminais máis básicos tamén teñen o seu público e de aí sae o Sony Xperia L2.

O trebello está equipado cunha pantalla de 5,5 polgadas con resolución HD (720p), e no seu interior leva un procesador de catro núcleos a 1,5 GHz, xunto con 3 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, que pode ser ampliada a través de tarxetas microSD. Certamente é interesante que conte con esa combinación de 32 +3 GB, mais o procesador pode quedar algo xusto para moitas das cousas que facemos hoxe en día cos nosos teléfonos.

Como era de agardar nun terminal de Sony, o apartado fotográfico é un dos máis coidados, ao integrar unha cámara principal de 13 megapíxeles e unha frontal de 8 megapíxeles con lente de 120 graos para selfies máis completas.

Completan a listaxe de especificacións unha batería de 3.300 mAh de capacidade, a presenza de NFC, USB Tipo C e jack de audio de 3.5 mm, así como Android 7.1.1 Nougat como versión do sistema operativo.

Polo de agora descoñécese o prezo ao que sairá o Sony Xperia L2 no noso país, aínda que si as cores nas que estará dispoñíbel: dourado, negro e rosa.

Sobre o autor

Reply