DJI Mavic Air, un completo drone por menos de 800 euros

DJI vén de anunciar o lanzamento do seu último drone, o DJI Mavic Air, un modelo de gama media dentro do portfolio do fabricante, no que tamén temos o DJI Spark – para a gama básica – e o DJI Mavic Pro, pensado para usuarias máis avanzas. O novo trebello perfílase como a opción perfecta para a meirande parte das usuarias, xa que analizando as súas características podemos ver que é un dispositivo moi interesante.

Das súas especificacións cabe destacar a velocidade que pode acadar (68 km/h) e a distancia (4 km), grazas ao redeseño da súa antena. A batería tamén mellora outorgando unha autonomía de 21 minutos de voo. Porén, e non menos importante, o fabricante levou a cabo un minucioso traballo para mellorar a estabilidade, especialmente con ventos, de maneira que temos un drone máis seguro.

No apartado de cámara temos un sensor de 1/2,3 polgadas con capacidade de gravar vídeo en 4K a 24 fps ou 30 fps, así como tomar fotografías de 12 megapíxeles. Trátase dun lente gran angular de 24 mm f/2.8 que fará as delicias das usuarias.

Dispoñibilidade e prezo

O DJI Mavic Air custará 799 dólares (imaxinamos que ao noso país chegará cun tipo de cambio dólar = euro), mais polo de agora non hai información sobre cando vai estar dispoñíbel.

Sobre o autor

Reply