Vivo prepara un teléfono con 10 GB de RAM e pantalla 4K, segundo as últimas filtracións

Estamos en época de lanzamentos, e por iso a rumoroloxía arredor dos novos modelos aumenta nesta época do ano. Unha das filtracións que máis chamou a nosa atención estes días é a do futuro Vivo Xplay 7, un modelo que seguramente non chegue ao noso mercado, pero que si merece o noso interese polo hardware que integra.

Segundo apuntan as últimas informacións, o novo trebello de Vivo integrará o procesador máis punteiro de Qualcomm, o Qualcomm Snpadragon 845, xunto con nada máis e nada menos que 10 GB de memoria RAM, e opcións de 256 ou 512 GB de memoria interna.

A súa pantalla contará cun ratio de frontal do 93% e resolución 4K, e levará un sensor de pegadas dixitais integrado por baixo dela, algo que xa vimos no X20 Plus UD do mesmo fabricante. Ademais desta fórmula de identifiación biométrica, o trebello tamén terá desbloqueo facial 2.0.

O apartado fotográfico tamén será de relevancia neste modelo, xa que contará cun dobre sensor traseiro que permitirá facer zoom 4x sen perdas, mais polo de agora nada se sabe sobre como será a solución para a parte frontal.

A falta de que sexa oficial, os primeiros datos apuntan a un terminal moi ambicioso. Haberá que agardar á súa presentación oficial para ver se estes datos se confirman, mais tamén ás primeiras probas de produto para ver se este “frankenstein” de características top funciona tan ben como parece. Que pensades?

Sobre o autor

Reply