Sharp S3, un novo móbil Android One resistente á auga

O fabricante nipón Sharp vén de anunciar o lanzamento dun novo smartphone Android One, é dicir, con Android stock e compromiso con Google de actualizacións. Trátase do modelo Sharp S3, que lonxe de seguir a liña máis vangardista da compañía (con pantallas infinitas e deseños premium) aposta por modelo ao uso cunhas características de gama media que ten na resistencia á auga e ao pó as súas maiores virtudes.

O novo trebello de Sharp integra unha pantalla de 5 polgadas tipo IZGO con resolución Full HD (1920 x 1080 píxeles), e no seu interior leva o procesador Qualcomm Snapdragon 430 (oito núcleos a 1,4 GHz), xunto con 3 GB de memoria RAM e 32 GB de almacenaxe interna, unha capacidade que como é habitual nestes casos podemos ampliar a través de tarxetas microSD.

No apartado fotográfico temos unha cámara principal con sensor de 13 megapíxeles, e unha frontal que queda nos 5 Mpx. A súa batería sitúase nos 2700 mAh de capacidade, un chisco por baixo dos 3000 habituais nestas gamas, e completando a súa folla de especificacións temos conectividade LTE – 4G, Wifi b/g, Bluetooth 4.2 e conector USB de tipo C.

Porén, como xa comentamos ao comezo do artigo, as principais bazas coas que xoga este novo modelo son a súa protección contra a auga e o pó segundo os estándares IPX5/8 e IP6X, respectivamente, e o ser un modelo Android One, que sae á venda con Android 8.0 Oreo stock, é dicir, sen personalización por parte do fabricante.

Chama a atención a ausencia do sensor de pegada dixitais, unha característica cada vez máis demandada polas usuarias que buscan algún tipo de sistema de identificación biométrica, e mais se temos en conta que o seu prezo non é precisamente o dun teléfono “low cost”. De feito, o seu prezo ao cambio sitúase nos 238 euros, unha cantidade bastante elevada para un teléfono destas prestacións.

Nun primeiro momento parece que o Sharp S3 vai  estar destinado ao mercado xaponés, aínda que como sempre é posíbel facerse con un a través das tendas que importan produtos desde o mercado asiático.

Sobre o autor

Reply