Integral anuncia a primeira tarxeta microSD de 512 GB

Arredor das tarxetas microSD hai un continuo debate entre as súas partidarias e as súas detratoras. As primeiras teñen moitos argumentos ao seu favor, pois é obvio que non deixan de ser unha ferramenta de gran utilidade para aumentar a memoria dos nosos dispositivos dun xeito económico, nomeadamente nos modelos máis modestos, aínda que como elemento extraíbel están máis expostos a problemas externos (minipunto para as detratoras).

En calquera caso, hoxe queremos falarmos da compañía Integral, que como resposta a Sandisk e a súa tarxeta microSD de 400 GB, vén de lanzar a que segundo eles é a primeira tarxeta microSD de 512 GB, medio “tera” na que poderemos gardar todo tipo de contidos, especialmente imaxes, música e arquivos de vídeo se falamos de teléfonos móbiles.

Esta capacidade, que de primeiras pode parecer desproporcionada, non o é tanto se temos en conta que cada vez son máis as usuarias que empregan o seu teléfono para todo, especialmente para a creación de contidos multimedia, e un vídeo 4K chega a pesar preto de 400 MB por minuto, o que fai imprescindíbel contar cunha memoria de gran capacidade.

Polo de agora non se coñece cal será o seu prezo no mercado, aínda que podemos imaxinar que barata non vai ser, cando menos de comezo. Se ben é certo que as tarxetas microSD baixaron moito de prezo nos últimos tempos e hoxe xa podemos conseguir as de 16 GB por uns 10 euros, as de maior capacidade seguen con prezos altos (a Sandisk de 400 GB mantense nos 250 €). En calquera caso, é preciso sinalar que non todos os teléfonos son compatíbeis con elas, dado que moitos teñen limitadas as tarxetas até os 256 GB, e mesmo menos se falamos dunha gama básica.

Sobre o autor

Reply