Fíltrase o Alcatel V3, con pantalla de 6 polgadas

Como xa fomos vendo nas últimas semanas, estamos en época de filtracións. Un dos últimos dispositivos en quedar espido diante do público antes da súa presentación é o novo Alcatel V3, un dispositivo de gama entrada do fabricante francés que destaca pola súa pantalla de 6 polgadas, iso si, con resolución 2160 x 1080 píxeles.

No seu interior o dispositivo leva un procesador moi sinxelo, o MediaTek MT8735A de catro núcleos Cortex-A53 a 1,45 GHz, xunto con 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna nunha versión e 3 GB de RAM e 32 GB de interna noutra, en ambos casos ampliábeis mediante tarxetas microSD.

No apartado fotográfico temos unha cámara frontal de 5 megapíxeles e unha configuración de dobre cámara na parte traseira, formada por un sensor de 13 e outro de 2 megapíxeles, que contan ademais con flash LED de dobre ton. Xunto ás cámaras traseiras temos o lector de pegadas dixitais, un elemento cada vez máis habitual nos modelos de todas as gamas.

Completando a listaxe de especificacións filtradas temos unha batería de 3000 mAh, que se nos antoxa algo xusta para un dispositivo de tal pantalla, WiFi 802.11n, 4G LTE Cat 4, Bluetooth 4.2 e Android 8.0 Oreo como versión do sistema operativo de partida.

Está previsto que a súa presentación oficial teña lugar durante o Mobile World Congress, que se celebrará na última semana de febreiro. Durante esas datas seguramente coñezamos tamén o seu prezo e a data de dispoñibilidade nas tendas.

Sobre o autor

Reply