En pleno auxe dos pagos móbiles, o fabricante de chips para tarxetas de débito / crédito e tarxetas SIM Gemalto vén de anunciar unha nova tarxeta que ten como principal novidade a incorporación dun sensor de pegadas dixitais para mellorar a súa seguridade nas transaccións.
O proxecto non é novo, mais até o de agora pasara desapercibido polo pouco interese que obtivo nas primeiras fases do seu lanzamento. O seu modo de funcionamento é semellante á do resto de tarxetas contactless que temos na actualidade, é dicir, os pagos prodúcense ao achegalas ao terminal de cobro TPV. Porén, a vantaxe que marca a diferenza é que nestas a identificación faise a través da pegada dixital, polo que non sería necesario ter que lembrar un código PIN, xa que todo o proceso de autenticación depende da tarxeta en si e non do TPV.
Ao contrario do que puidera parecer, non é preciso cargar unha batería ou algo semellante para poder empregalas, xa que a enerxía necesaria para funcionar recóllena do propio terminal de cobro NFC.
Gustaríavos usar unha destas tarxeta? O certo é que de momento haberá que esperar, pois polo de agora só están dispoñíbeis no Banco de Chipre, aínda que a previsión é que ao longo deste ano 2018 ou comezos do 2019 apareza en novos mercados, polo de agora pendentes de definir.
Ao noso entender, a idea detrás deste proxecto non é mala, pero chega varios anos tarde, pois atopámonos inmersos (especialmente no noso país) en plena expansión dos sistemas de pagos móbiles que aspiran, entre outras cousas, a pór fin ás tarxetas físicas que ocupan espazo na nosa carteira por sistemas dixitais ligados ao noso móbil.