O uso de Internet por maiores de 65 anos increméntase en Galiza nun 45%

Preto do 80% das habitantes de Galiza con idades comprendidas entre os 16 e os 64 anos accederon á rede nos últimos tres meses, un dato que sitúa ao noso país como o territorio do estado no que máis medrou o uso da Internet durante este período (un 6,4 %). Porén, a subida máis significativa rexístrase no tramo de idade comprendido entre os 65 e os 74 anos, que aumenta nun 45% con respecto ao 2016.

Por outra banda, a compra en liña tamén rexistra un incremento do 5,6 % no último ano e actualmente o 32% das galegas e galegos xa utiliza Internet para mercar produtos e servizos, unha porcentaxe que ascende até o 52% cando se trata de adquirir material e roupa deportiva, 50,2% para buscar aloxamento para as vacacións e un 48,2% para entradas de espectáculos.

Estas son algunhas das principais conclusións do Informe Sociedad Digital en España 2017, que acaba de publicar a Fundación Telefónica, e que constitúe unha versión global sobre o ecosistema dixital no estado a través de fontes externas de recoñecido prestixio, dados estatísticos das unidades de negocio de Telefónica e información territorial proporcionada directamente polas diferentes comunidades autónomas.

O informe tamén reflexa que en 2018 o 50% das mozas e mozos son “mobile first”, é dicir, que consumen entre o 90% e o 100% do seu tempo na rede sobre unha pantalla de móbil. De feito, o 86% da poboación xa dispón dun smartphone que emprega como dispositivo referencial para a mensaxería instantánea, acceso a redes sociais, consumo de música e vídeo en streaming.

Se falamos de Galiza, o 73,8% das internautas acceden diariamente á rede a través do teléfono móbil (89,7%) e do portátil (44,7%), fundamentalmente para ler novas (81,2%), enviar ou recibir correos electrónicos (76,4%) e buscar información (70,2%). Ademais, o 78,8% dos fogares xa dispón de Internet, empregando no 75% dos casos unha conexión móbil de banda larga a través dun dispositivo e man; o ADSL supón o 45,6% da conexións, unha cifra moi semellante á dos fogares que teñen rede de cable ou fibra óptica. Finalmente, o 75,3% dos fogares galegos teñen teléfono fixo, mentres que o 97% teñen a lo menos unha liña de móbil.

No que ten a ver co grao de conectividade dos concellos, naqueles concellos con poboacións entre 50.000 e 100.000 habitantes a porcentaxe de vivendas con conexión de banda larga contratada sitúase no 95,8% (fronte ao 84,3% da media estatal), mentres que nas poboacións con menos de 10.000 habitantes esta cifra queda no 72% (crecemento do 4,1% respecto ao ano anterior), o que tamén é unha boa mostra da fenda dixital que existe no noso país.

Sobre o autor

Reply