Nokia 7 Plus: fíltrase outro dos terminais previstos para o MWC

Seguimos coas filtracións de dispositivos que teñen prevista a presentación oficial no Mobile World Congress 2018. Desta vez é o fabricante THC (dono da marca Nokia) quen vén de sufrir unha cámara indiscreta que descubriu varios detalles do novo Nokia 7 Plus.

Este dispositivo é moi semellante ao Nokia 7, aínda que desta vez incluíndo unha pantalla sen apenas marcos de 6 polgadas con resolución Full HD, formato 18:9 e recubrimento Gorilla Glass 5 para protexela dos pequenos croques e, sobre todo, das rabuñadas. No interior levará un procesador Qualcomm Snapdragon 660, 4 ou 6 GB de memoria RAM (segundo versións) e 64 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD.

No relativo ás cámaras, un dos aspectos máis notorios deste modelo, teríamos unha dobre cámara traseira Carl Zeiss, composta por sensores de 16 e 12 megapíxeles e apertura f/1.7. Do outro lado, na frontal tería unha cámara de 16 megapíxeles, tamén con apertura f/1.7.

Completando a recua de especificacións filtradas temos o conector USB Tipo C, o sensor de pegadas dixitais (traseiro), o conector de audio jack 3.5 e Android 8 Oreo como versión de software de serie.

As últimas novas apuntan a que o novo dispositivo de THC chegaría ao mercado entre marzo e abril por uns 400 euros, datos aínda por confirmar. O que si parece claro é que unicamente imos poder collelo en branco ou negro.

Sobre o autor

No Responses

Reply