NOA N10: un teléfono Android coa “cella” do iPhone X

O fabricante NOA quenta motores para o Mobile World Congress 2018 anunciando o que será o seu dispositivo de referencia na feira, o novo NOA 10. Trátase, en palabras do propio fabricante, do primeiro smartphone desde o iPhone X que conta cunha pantalla que ocupa todo o frontal e a famosa “cella” que caracteriza o teléfono de Apple (o que viría ser un clon).

O NOA 10 está equipado cunha pantalla INCELL de 6,2 polgadas con resolución FHD+ (2160 x 1080 píxeles) e formato 18:9 como elemento diferenciador. No interior temos un procesador MediaTek MT6763, xunto con 4 GB de RAM e 64 GB de memoria interna, ampliábeis con tarxetas microSD até en 128 GB adicionais.

A dobre cámara traseira está formada por dous sensores Sony de 16 megapíxeles (IMX499), e a frontal é de 16 Mpx con función de identificación facial (Face ID) e diversas funcionalidades software para os “modos beleza” habituais dos móbiles fabricados na China.

A batería do NOA 10 é de 3600 mAh de capacidade e o sistema operativo é Android 8.0 Oreo. Tamén dispón de espazo para dúas tarxetas nanoSIM (híbrido dualSIM ou nanoSIM + microSD) e tecnoloxía de son DTS Sound.

Está previsto que este dispositivo chegue ao mercado por 300 euros, un prezo bastante atractivo para un modelo destas características. Agardamos poder velo durante o MWC para trasladarvos as nosas impresións unha vez poidamos probar o dispositivo coas nosas propias mans.

Sobre o autor

Reply