Huawei, a través da súa marca secundaria Honor, vén de poñer á venda no noso país un dos últimos terminais desta saga, o Honor 9 Lite. Trátase, como indica o propio nome, dunha versión recurtada do Honor 9, que destaca especialmente pola presenza de catro cámaras, dúas na parte frontal e dúas na parte traseira do dispositivo.
O dispositivo conta cunha pantalla de 5,65 polgadas FullHD, e no seu interior alberga un procesador fabricado pola propia Huawei, o modelo HiSilicon Kirin 659. Xunto a el temos 3 GB de memoria RAM , 32 GB de memoria interna e unha batería de 3000 mAh de capacidade.
A cámara traseira é unha combinación de sensores de 13 e 2 megapíxeles, e a frontal de 13 e 2 megapíxeles, respectivamente. Tamén dispón de lector de pegadas dixitais, microUSB e jack 3.5 de audio. Así mesmo integra NFC, un elemento imprescindíbel para facer pagos móbiles que, sorprendentemente, non está dispoñíbel noutros modelos de venda masiva da marca (como o P8 Lite 2017 ou o Mate 10 Lite). A WiFi é dunha soa banda e o Bluetooth 4.2.
O Honor P9 Lite custa 229 euros, un prezo na liña das súas especificacións. Pódese mercar a través da tenda en liña de Honor desde esta mesma semana, e proximamente a través das cadeas de distribución habituais.