En agosto de 2015 coñecemos o nacemento de Wileyfox, unha empresa con base no Reino Unido que xurdia orientada ao segmento low cost, con móbiles accesíbeis capaces de competir con fabricantes chineses como OnePlus ou Xiaomi. Entre a súa filosofía estaba a de ofrecer uns terminais económicos, personalizábeis polas usuarias, coidadosos cos datos persoais e con total liberdade para borrar calquera das aplicacións preinstaladas.
Apenas dous anos e uns meses despois a empresa con sede en Londres estaría en bancarrota, pedindo a administración externa da mesma. Isto é que explica un traballador verificado da empresa nun fío de Reddit, información que a empresa tamén tería confirmado á páxina Tweakers.
A falta de ter un comunicado oficial da empresa, a cousa non pinta nada ben para Wileyfox. A compañía foi incapaz de posicionar os seus dispositivos nun mercado complexo e competitivo como é o dos smartphones, con centos de actores que teñen que competir por unhas usuarias cada vez máis informadas, que teñen claro o que buscan.
Haberá que agardar a ter esa información para descubrir que futuro lle espera á empresa, que pode acabar en mans de outro fabricante maior interesado no proxecto ou terse que ver obrigada a pechar as portas de maneira definitiva.