Coa gran cantidade de fabricantes que loitan por facerse oco dentro da gama media, marcar a diferenza para que as usuarias elixan entre unha ou outra opción é un traballo cada vez máis difícil. As diferenzas técnicas son, case sempre, mínimas, é é na experiencia que se lle traslada á usuaria onde está o valor diferencial de cada marca. LG soubo transmitir este concepto, levando os deseños dun dos seus modelos referenciais do momento, o LG G6, a esta gama, en concreto á familia LG Q6. Trátase dunha serie de tres dispositivos formada polos Q6 Alfa, Q6, e LG Q6+, este último o que traemos a esta análise, e cuxa diferenza entre eles é a configuración de memorias que leva cada un.
Deseño, acabado e conexións
Non fai falla máis ca unha primeira visual para darnos conta que cando ollamos ao LG Q6 estamos a pensar no G6. Del herda a pantalla infinita, con esas esquinas recurtadas, e o fundido en negro da pantalla apagada sobre o corpo que lle dá un toque especialmente fermoso.
Ter unha pantalla infinita fai que, malia estarmos ante un teléfono de 5,5 polgadas a sensación sexa de trebello “pequeno”, ou cando menos “manexábel” cunha soa man.
Por diante, de maneira moi discreta, temos o logo de LG situado na parte inferior, mentres que na parte de arriba queda situada a cámara principal, xunto cos sensores e o altofalante. Do outro lado, na parte traseira, sitúase a cámara xunto co seu flash LED na esquina superior esquerda.
A botoneira fica distribuída entre o lateral esquerdo, onde temos o botón de acendido, e o dereito, no que atopamos os botons de subir e baixar volume. Os únicos conectores externos fican na parte inferior, o microUSB nunha posición central e o jack de audio 3.5 cara a dereita.
Hardware e rendemento
O LG Q6 está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 435, un modelo que rinde bastante ben aínda que sorprende velo nun dispositivo con aspecto tan premium. Nesta versión está acompañado por 3 GB de RAM e 32 GB de memoria interna (4 + 64 no caso do Q6+ e 2 + 16 no Q6 alfa), ampliábeis con tarxetas microSD de até 2 TB de capacidade.
Con estas prestacións podemos asumir que o teléfono moverá con bastante xeito a meirande parte das aplicacións habituais, mais é cando cargamos o sistema (por exemplo cun xogo pesado) cando nos damos conta de que o que temos na man é, pese ás apariencias, un teléfono de gama media e non o tope de gama. Polo demáis, é de agracer que se manteña o conector de audio jack 3.5, a radio FM e o NFC para poder efectuar pagos co teléfono.
Sorprende, por outro lado, a ausencia do lector de pegadas dixitais neste produto, imaxinamos que por unha cuestión de aforro. Como alternativa LG propón o recoñecemento facial que, se ben non é tan segura, funciona bastante ben e rapidamente.
Pantalla
A pantalla é sen dúbida un dos puntos fortes deste teléfono. A diferenza do LG G6, baixa das 5,7 ás 5,5 polgadas, cun panel infinito FullVision de resolución 2160 x 1080 píxeles (442 ppp) e unha proporción de aspecto 18:9, que se está a converter no estándar dos modelos con pantalla grande. Desde logo estamos ante unha pantalla de gran calidade, cunhas cores moi vivas que, malia pecar algo de falta de brillo para os exteriores, representa moi ben a paleta visíbel polo ollo humano.
En canto ao formato, tal e como fomos vendo no último ano, o 18:9 fai que teñamos uns teléfonos que tenden a ser longos. Con isto podemos disfrutar de máis contido en pantalla, se temos en conta que practicamente todas as aplicacións son en modo “feed”. Por outro lado, se empregamos o noso dispositivo para consumir multimedia (algo que cada vez fan máis usuarias), a experiencia adáptase moito máis ao formato orixinal.
Para finalizar este apartado, cómpre sinalar que leva protección Gorilla Glass 3, que nos protexe das pequenas rabuñadas que se producen ao levar o teléfono coas chaves no peto ou no bolso entre centos de cousas.
Cámara
Chegamos a un dos aspectos que máis interese causa entre as usuarias: a cámara. O sensor principal é de 13 megapíxeles, cunha lente con apertura f/2.2, mentres que no caso da frontal temos unha cámara de 5 megapíxeles con gran angular (100 graos).
Ambos os dous sensores sitúanse na media, non destacando especialmente por sacar unhas imaxes que nos quiten o hipo, aínda que a saturación de cores é bastante boa. No caso do vídeo pode gravar a 1080p (30 fps), sacando unha imaxe bastante boa en condicións lumínicas favorábeis, aínda que botamos de menos o estabilizador óptico de imaxe.
No noso perfil de Flickr podedes ver unha completa galería de imaxes tomadas con el.
Software
Como sistema operativo leva Android 7.1. Nougat, ainda que imaxinamos que nalgún momento recibirá a súa dose de 8.0 Oreo, de momento sen que haxa unha data predefinida. Por riba temos a capa de personalización propia LG UX, optimizada desta vez a unha pantalla destas dimensións. Entre as funcións que permite isto non cabe dúbida que están as opcións para usar a pantalla “partida” en dous cadrados, algo de moita utilidade en aras da produtividade.
Aínda que difire bastante de Android stock no visual, certamente estamos ante unha capa moi pouco invasiva e que permite que todo vaia fluído, con transicións áxiles que fan que a experiencia sexa bastante boa. Neste punto cremos que LG acertou bastante coa súa capa nas últimas actualizacións.
Batería
A batería ten unha capacidade de 3000 mAh, unha cifra dentro dos parámetros habituais para un teléfono das características e dimensións do Q6. Ao igual cá maioría dos dispositivos actuais, non é extraíbel, en aras de conseguir un melllor acabado .
Sorprende que non dispón de carga rápida, e como norma xeral proporciónanos unha autonomía do día completo ou día e algo se facemos un uso moderado del.
Conclusións
LG, ao igual cá o resto de fabricantes que dispoñen de terminais no segmento premium, quixo facer deste LG Q6 unha versión recurtada do seu trebello referencial. Conseguiuno? Á vista está que si, e que o fixo bastante ben, dando como resultado un modelo atractivo no visual, tanto polo fermoso do seu deseño como pola calidade dos seus acabados.
No aspecto das especificacións técnicas é certo que puideron ter subida máis o listón, tal e como fomos vendo ao longo da análise, aínda que supoñemos que se non o fixeron foi por marcar as distancias co G6, un dispositivo que xa se pode atopar no mercado a un prezo bastante atractivo.
O LG Q6 está dispoñíbel no mercado por uns 200 euros.