Análise da Samsung Fit 2 Pro, a pulseira de actividade mellorada de Samsung

A medio camiño entre os smartwatches e as pulseiras de actividade máis sinxelas temos as alternativas de Samsung. As Gear Fit caracterizáronse desde as súas orixes por ofrecer algunhas cousas do reloxos e o mellor da cuantificación deportiva. Hoxe toca falarmos da Gear Fit 2 Pro, o último modelo dispoñíbel, que se ben non supón un cambio radical no deseño si que incorpora varias novidades, entre elas a sumerxibilidade até os 50 metros.

Características técnicas

Antes de nada cómpre que falemos das súas especificacións técnicas. A Samsung Gear Fit 2 Pro está equipada cunha pantalla curva de 1,5 polgadas, con resolución 432 x 216 píxeles e protección Corning Gorilla Glass.

No seu interior leva un procesador de dous núcleos a 1 GHz, xunto con 512 MB de memoria RAM e 4 GB de memoria interna (aproximadamente 2 GB dispoñíbeis para nós). A conectividade vén dada polo WiFi 2.4 GHz e Bluetooth 4.2.

En canto aos sensores que incorpora, temos GPS – Glonass para posicionamento, ademais de acelerómetro, barómetro, xiroscopio e sensor de frecuenci cardíaca. É resistente ao pó e auga, sendo o primeiro modelo da compañía capaz de resistir 50 metros de profundidade, o que fai que sexa un modelo axeitado para a natación.

Deseño, acabado e conexións

No apartado de deseño non atopamos grandes novidades con respeto á súa predecesora. O primeiro que temos que destacar é que se mantén unha pantalla curva alongada, o que permite ofrecer esa sensación que achega o dispositivo máis a unha pulseira de actividade ca a un reloxo intelixente. Por suposto é un panel táctil, o que facilita o funcionamento e o manexo a través das diferentes pantallas nas que poderemos ir vendo a información tal e como a configuremos.

Dispón de dous botóns, ambos situados no lado dereito do dispositivo, cuxo obxectivo é facilitar o acceso ás aplicacións que teñamos instaladas e aos diferentes menús de opcións.

Pode pasar algo desapercibido o cambio no deseño da pulseira, que agora conta cunha pequena muesca para asegurar o peche, facendo que sexa máis complicado que se nos perda.

A conexión da Fit 2 Pro co smartphone é a través do Blueooth 4.2, aínda que tamén conta con conexión WiFi para cando nos atopemos na casa ou nun entorno de confianza. Na parte traseira temos tamén os puntos de carga, a través dos cales a pulseira se conectará á base para cargar a batería.

Sistema oparativo e uso

Como xa vén sendo habitual nos wearables de Samsung, a Gear Fit 2 Pro está equipada con Tizen. Ademais, para sacarlle partido ás posibilidades de somerxibilidade até os 50 metros, tamén integra o software deseñado por Speedo para cuantificar os resultados dos adestramentos de natación.

A configuración da pulseira é moi sinxela, e o proceso é totalmente guiado. Se non dispomos dun dispositivo Samsung debemos descargar dúas aplicacións necesarias para o seu uso completo, Samsung Gear e Samsung Health. A través da primeira poderemos configurar algúns parámetros do dispositivo, especialmente todo o tema de revisión de almacenaxe, apps instaladas e estado (batería, etc), mentres que con Health teremos acceso á revisión dos datos da nosa actividade.

Entre as cousas que podemos configurar están as aplicacións que poden enviarnos notificacións á pulseira (aínda que só poderemos velas, non interactuar con elas), as instaladas (deportivas, xestión de música…) ou a personalización, xa que as esfera son facilmente intercambiábeis.

Pero falemos das opcións de cuantifiación. Que podemos facere coa Gear Fit 2 Pro? Obviamente, levar o control total da nosa actividade. Porén, o gran factor diferencial é que este modelo pode levar o control practicamente de xeito automático, o que multiplica de maneira exponencial as súas posibilidades.

Pasos, calorías, horas de sono, frecuencia cardíaca… todo isto vennos dado e podemos revisalo a través de Health para ver se estamos a levar unha vida saudábel ou maioritariamente sendentaria. Ademais, as gráficas de evolución permítennos acceder ao histórico, para ver se realmente imos progresando ou non.

Entre as vantaxes que consideramos máis notorias da Gear Fit 2 Pro é que non temos que seleccionar o “inicio” da actividade, xa que ela mesma detecta o que estamos a facer e se encarga de rexistralo. Ao rematar a actividade ofrécenos un resumo no que se informa do que fixemos, xa sexa pasear, correr, andar na bici, na máquina de steps, cinta ou remo. Se somos de ximnasio tamén podemos ver a evolución de flexións, zancadas e abdominais, podendo xogar co ritmo e repeticións ou series para adaptala ao noso adestramento.

En calquera caso, a gran novidade desta versión é a integración da cuantificación da natación. Como dixemos, o trebello é sumerxíbel até os 50 metros, polo que poderemos nadar con el na piscina. É capaz de detectar o número de largos e a súa duración, pero antes de nada (e a diferenza dos outros deportes) é preciso activar o “modo natación”. Outra información que ofrece este modo é o número de brazadas e a frecuencia cardíaca, que segue funcionando baixo a auga.

Batería

A batería da Gear Fit 2 Pro é de 200 mAh, unha capacidade semellante á que podemos atopar en dispositivos similares. Cárgase, como xa dixemos, a través dunha base de carga propia que vén na caixa, e que conta con enchufe tipo USB (ollo, non trae o enchufe de parede).

A autonomía que proporciona esta difire moito segundo o uso que fagamos. Así, para o uso máis completo, co GPS activo e coa lectura do pulso automática esta é dun día escaso, mentres que se desactivamos estas opcións aumenta chegadno aos tres días.

A carga é bastante rápida, e en pouco máis dunha hora podemos ter o dispositivo completamente cargado, aínda que se somos das que cargamos segundo a necesidade podemos ter un chute extra de enerxía bastante importante para pasar o día con media hora de enchufe.

Conclusións

A nova versión da Samsung Gear Fit 2 Pro é un modelo que afonda nunha das demandas das usuarias, cada vez máis interesadas en levar o control da actividade física que realizan. Mantendo o deseño que levou ao éxito esta pulseira, a incorporación da natación como deporte a cuantificar supón a achega ao público xeral dunha característica ate o de agora reservada a produtos máis específicos do entorno deportivo.

O Gear Fit 2 Pro pode mercarse en dúas opcións de cor (negro ou vermello / negro) por uns 160 euros.

Sobre o autor

Reply