Xiaomi Mi Mix 2S: aínda máis pantalla co mellor hardware

Todo son rumores e filtracións estes días, e o fabricante Xiaomi non ía ser alleo a este fenómeno. O último dispositivo da marca chinesa en aparecer na Internet é o Xiaomi Mi Mix 2S, un modelo derivado do terminal todo-pantalla Mi Mix 2 que afonda aínda máis nesa experiencia inmersiva.

O novo trebello, aparecido na rede social chinesa Weibo, diferénzase do Mi Mix 2 polo cambio de posición da súa cámara, que pasa de estar na parte inferior a situarse no lateral dereito superior, nunha esquiniña roubada ao marco do dispositivo. Isto permite que o deseño sexa sen bordes e non teñamos que darlle a volta ao dispositivo cada vez que queremos facer un selfie con xeito.

Hardware na liña do agardado

Ao igual ca o resto de trebellos de gama alta de Xiaomi, o novo Mi Mix 2S destacaría por un hardware punteiro, comezando por unha pantalla de 5,99 polgadas con resolución 2160 x 1080 e formato 18:9, que como xa temos comentado é o novo estándar de formato.

No seu interior atoparíamonos co último procesador de gama alta de Qualcomm, o Snapdragon 845, xunto con 8 GB de memoria RAM e 256 GB de memoria interna con tecnoloxía UFS. No apartado fotográfico teríamos o mesmo conxunto do Mi 6, formado por un sensor dobre de 12 megapíxeles.

Malia todo, o que máis destacaría sería a situación do sensor de pegadas dixitais, que estaría debaixo da pantalla, algo que xa vimos no Vivo X20 Plus, e que será unha característica cada vez máis habitual nos próximos meses.

En calquera caso, e como calquera filtración, hai que tomar os datos con cautela mentres non se trate dunha información dunha fonte con maior credibilidade. Ademais, cómpre sinalar que este modelo xa apareceu nalgunha outra ocasión cunha variante no deseño traseiro, onde a segunda cámara era sustituída por un sensor de pegadas dixitais ao uso.

Sobre o autor

Reply