Huawei anuncia novas tablets MediaPad M5 en 8 e 10 polgadas e o Matebook X Pro

Moitas pensaban que Huawei repetiría a estratexia de anunciar os seus smartphones de referencia no Mobile World Congress de Barcelona, pero nas últimas semanas sóubose do cambio de plans da marca, o que fai que teñamos que agardar a finais de marzo (concretamente, ao día 27) para coñecelos.

Porén, o fabricante chinés celebrou hoxe un evento de prensa para anunciar un novo computador, o Matebook X Pro, e unha nova serie de tablets Android orientadas á gama alta as MediaPad M5, que están dispoñíbeis en dous tamaños (8,4 e 10,8 polgadas) para adaptarse ás diferentes necesidades das usuarias.

Huawei Matebook X Pro

O Huawei Matebook X Pro é un portátil ultradelgado de 13,9 polgadas con panel FullView 3K táctil e un ratio de pantalla do 91%, o que fai que os marcos sexan mínimos e haxa que buscar solucións alternativas a cuestións como a situación da cámara, algo que o fabricante chinés resolveu dun xeito bastante curioso, como podemos ver no seguinte vídeo.

Están equipados con procesadores Intel Core i7 / i5 de oitava xeración, gráficos NVIDIA GeForce MX150 GPU con 2 GB e unha batería de 57,4 Wh de capacidade. En total hai un total de tres versións, coas seguintes combinacións de procesador / memorias:

  • i5 + 8 GB de RAM + 256 GB de SSD
  • i7 + 8 GB de RAM + 512 GB de SSD
  • i7 + 16 GB de RAM + 512 GB de SSD

Segundo informa o fabricante, trátase dun dos portátiles máis lixeiros do mercado, e tamén dos máis finos. A diferenza do modelo que o precede, este recupera un USB Tipo A (ademais dos dous portos USB-C), o que evita ter que andar con adaptadores para conectar ratos ou outros periféricos básicos.

Na parte multimedia temos que destacar o sistema de son, xa que conta con Dolby Atmos Sound System e altofalantes personalizados para ofrecer un son envolvente e á vez inmersivo para que flúa tanto por riba como arredor da usuaria. Ademais, dispón tamén de micrófonos envolventes para que nunha videochamada o son quede recollido de maneira máis precisa.

Huawei MediaPad M5

 

Por outro lado temos as novas tablets, as Huawei MediaPad M5. Trátase, como xa adiantamos antes, de dous modelos orientados á gama alta que están dispoñíbeis en dous tamaños, 8,4 e 10,8 polgadas. Ambos modelos destacan polo seu deseño ergonómico e curvatura do cristal 2.5D, así como por unha calidade dos paneis 2K mellorados por ClariVu 4.0.

Todas as variantes levan procesador Kirin 960 de 8 núcleos, así como 4 GB de memoria RAM. Para a memoria interna ofrécense un total de tres alternativas: 32, 64 ou 128 GB (agás o modelo Pro, só dispoñíbel en 64 e 128 GB), así como a opción e coller conectividade WiFi ou LTE.

A versión de 10 polgadas ten unha variante “pro”, que vén equipada cunha funda de teclado e un lapis chamado M-Pen capaz de detectar 4096 puntos de presión. Ao usar a tablet con esta funda actívase o modo escritorio, que muda a interface para adaltala a un uso máis semellante a un ordenador ca a unha tablet.

Dispoñibilidade

As tablets Huawei MediaPad M5 de 8,4 e de 10,8 polgadas están dispoñíbeis no noso país desde este mesmo luns, mentres que para a versión “pro” haberá que agardar ao mes de maio. Por outra banda, o Matebook X Pro non ten aínda unha data concreta, mais será ao longo do segundo trimestre do ano.

Sobre o autor

Reply