Samsung anuncia os novos Galaxy S9 e Galaxy S9+

Un ano máis Samsung escolleu o marco do Mobile World Congress para anunciar os seus novos smartphones de referencia, os novos Samsung Galaxy S9 e Galaxy S9+. Ambos modelos son, externamente, modelos que siguen unha liña continuísta repecto o par S8 / S8+, o que vén a confirmar ese ciclo de dous anos de Samsung para achegar as grandes novidades.

Polo tanto estamos, no estético, ante dous terminais que manteñen o aspecto “todo pantalla” frontal, con marcos reducidos na parte superior e inferior e a curvatura obrigatoria nos dous laterais da pantalla. O sensor de pegadas dixitais, que a diferenza de outros fabricantes Samsung prefire manter, sitúase na parte posterior, aínda que nun novo emprazamento baixo a cámara no lugar de ao seu carón.

En canto a especificacións, o Galaxy S9 mantense nas 5,8 polgadas e o Galaxy S9+ nas 6,2, os mesmos tamaños que no dúo S8 / S8+, cunha resolución de 1440 x 2960 píxeles e formato 18,5:9. No seu interior levarán un procesador Qualcomm Snapdragon 845 nos Estados Unidos e China e un Exynos  8910 en Europa e resto do mundo. Ademais, no caso do Galaxy S9 teremos 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna, e no S9+ un total de 6 GB de RAM e 128 GB de capacidade interna, en ambos casos ampliábeis mediante tarxetas microSD.

O apartado da cámara é un dos máis coidados por Samsung no aspecto de introducir novidades. Ambos modelos levan unha cámara principal de 12 megapíxeles na parte traseira, cunha apertura variábel entre f/1.5 e f/2.4, pero o Galaxy S9+ leva ademais unha segunda cámara, tamén de 12 megapíxeles. Por outro lado, na parte frontal temos unha cámara de 8 megapíxeles.

Máis Bixby, intelixencia artificial e emojis personalizábeis

Samsung mantén a súa aposta por Bixby, o seu asistente persoal, conservando ademais unha tecla física adicada no lateral dos modelos. A idea non é mala sempre e cando sexa algo útil, pois até o de agora (dispoñíbel nos S8 / S8+ e Note8) non servía de moito, mais alá da parte visual para a tradución inmediata e as compras.

Por outra banda tamén se introduce a intelixencia artificial e os emojis personalizábeis, que van un paso máis aló dos animojis de Apple. Basicamente, ademais de poder captar os nosos xestos, os novos emojis de Samsung tamén se poden personalizar para dar moito máis xogo.

Dispoñibilidade e prezo

Os novos Samsung Galaxy S9 e Galaxy S9+ poranse á venda o próximo 16 de marzo, por un prezo un pouco superior ao que saiu o par S8 / S8+. En concreto, o Galaxy S9 custará 849 euros, mentres que o Galaxy S9+ subirá até os 949 €.

De estar interesadas nel, xa se pode facer a pre-reserva para aser das primeiras persoas en telo, desde hoxe até o próximo día 15 de marzo, o día antes a salir ao mercado.

Sobre o autor

Reply