Un ano máis Sony é a marca encargada de estrear o primeiro día de apertura oficial do Mobile World Congress coa súa presentación, desta vez achegando dous novos modelos. Trátase dos Xperia XZ2 e a versión pequena deste, o Xperia XZ2 Compact.
O primeiro deles leva unha pantalla de 5,7 polgadas e o pequeno unha de 5. En ambos os casos trátase de paneis con resolución Full HD IPS con ratio 18:9, caracterizándose por uns reducidos marcos que supoñen o primeiro gran cambio no deseño da marca logo de varias temporadas co mesmo estilo cadrado.
A nivel interno, ambos os dous trebellos leva o procesador Qualcomm Snapdragon 845, o máis potente da firma, con Android 8.0 Oreo como versión do sistema operativo. As baterías difiren na súa capacidade (3180 mAh no caso do XZ2 e 2870 mAh no XZ2 Compact), e tamén en que o XZ2 é o único dos dous que pode cargarse de maneira inarámica.
No apartado multimedia, a cámara é un dos elementos a destacar. A principal é de 19 megapíxeles con apertura f/1.8 e capacidade de gravación de vídeo 4K HDR, incluíndo o modo super slow motion a 960 frames por segundo con resolución Full HD.
Ademais, ambos trebellos veñen coa aplicación propia 3D Creator, que permite escanear de maneira sinxela os contidos 3D. Deste modo poderemos, por exemplo, facer o escaneado dunha cara (ou dun obxecto) en menos dun minuto empregando a cámara principal (ou frontal, de querer facer o escaneado da nosa propia cara), e así poder crear avatares en 3D.
Dispoñibilidade e prezo
O novo Sony Xperia XZ2 chegará ao mercado o 6 de abril en catro cores (Liquid Silver, Liquid Black, Deep Green e Ash Pink) por 799 €, mentres que o Sony Xperia XZ2 Compact faráo o mesmo día a 599 €. Este último poderémolo coller en White Silver, Black, Moss Green e Coral Pink.