Sony Ear Duo, un novo concepto de auriculares sen fíos

Sony anunciou esta mañá no MWC os novos Xperia XZ2 e Xperia XZ2 Compact, mais esta non foi a súa única novidade. O fabricante xaponés vén de darlle unha volta ao mercado dos auriculares sen fíos co lanzamento dos Sony Ear Duo, introducindo a posibilidade de escoitar música e as notificacións ao mesmo tempo que escoitamos as conversas ao noso arredor grazas á tecnoloxía Dual Listening.

Soa caótico? Ben, o fabricante ten todo pensado. Para que estes sons cheguen dun xeito limpo ao noso oído e ter así unha experiencia nítida e cristalina, os aparellos contan coa tecnoloxía Clear Phase de Sony, que elimina a dispersión do son, axustando de xeito intelixente volume para adaptarse aos sons de fondo e do entorno.

Así mesmo, estes novos auriculares tamén nos darán moita información de interese, coma pode ser a hora dunha reunión, ou últimos titulares do xornal, etc… grazas á opción Daily Assist3 que é quen de recoñecer a hora, localización e mesmo actividade que realizamos para ofrecer a información máis útil en cada intre.

Como pode ser doutro xeito, estes Ear Duo permiten rexeitar ou contestar chamadas, pasar cancións ou controlar o volume da música en base a xestos coa cabeza ou pasando o dedo polo polo dispositivo, grazas aos avanzados sensores cos que conta o mesmo. Non debemos esquecer tampouco, que podemos interactuar coa voz con Google Assistant e así poder facer unha cantidade importante de accións, coma programar a axenda, mandar mensaxes, facer chamadas…

Deseñados en aluminio, os Ear Duo, poden ofrecer até 4 horas de música e o propio estuche serve de cargador rápido polo que conseguimos unha gran facilidade de carga para pasar a xornada, pois 2 minutos de carga ofrece 2 horas de autonomía.

Os Xperia Ear Duo sairán durante a primavera do 2018 en negro ou dourado, podendo ser reservados desde o 26 de febreiro. De momento o seu prezo non foi confirmado.

Sobre o autor

Reply