Asus anuncia a nova familia Zenfone 5 no MWC

Asus foi outro dos fabricantes que agardaron ao Mobile World Congress de Barcelona para anunciar as súas novidades. Nun evento que tivo lugar esta tarde, Asus deu a coñecer o seu novo Asus Zenfone 5 e, xunto a el, dous modelos derivados, o Asus Zenfone 5 Lite e o Asus Zenfone 5Z.

Externamente, o Asus Zenfone 5 e o 5Z son iguais, mais o segundo é máis potente, como veremos a continuación. O primeiro que chama a atención deles é o gran cambio de deseño, apostando pola pantalla infinita con formato 19:9 e 6,2 polgadas, así como pola presenza do “notch”, que Asus puxo en valor polo traballo feito para facer dela unha ferramenta útil de cara a xestión de notificacións.

No seu interior, o Zefone 5 leva o procesador Qualcomm Snapdragon 636, mentres que o Zenfone 5Z sube a aposta co Snapdragon 845, en ambos casos con soporte para a intelixencia artificial. O fabricante puxo en valor isto para sacarlle máis partido ao terminal, por exemplo á hora de adaptar o volume do timbre ao entorno, mais tamén – e especialmente – en todo o que ten que ver coa cámara, coa detección de obxectos para conseguir uns resultados moito máis satisfactorios.

No apartado fotográfico, os Zenfone 5 / 5Z levan na parte traseira un sistema de dobre cámara, con lentes SONY IMX363 con apertura f/1.8 capaz de sacar fotos, usadas en conxunto, de 120 graos. Ademais, contan con estabilización óptica de catro eixos e o sistema de intelixencia artificial do que xa falamos.

O Zenfone 5Z, ademais de levar un procesador superior, estará dispoñíbel en tres variantes dependendo das súas memorias, comezando nos 4 GB de RAM e 64 GB de memoria interna por 479 €, ás que hai que sumar as alternativas con 6 + 128 GB e 8 + 256 GB, das cales non deron información de prezo.

Pola súa banda, o Zenfone 5 Lite destaca polas súas catro cámaras, dúas de 20 megapíxeles na parte frontal e dúas de 16 megapíxeles na parte posterior. A súa pantalla é de 6 polgadas, leva o procesador Qualcomm Snapdragon 630 e está equipado cunha batería de 3300 mAh.

O Zenfone 5 Lite estará dispoñíbel este mesmo mes de marzo, o Zenfone 5 en abril e o Zenfone 5Z, nas súas tres variantes, a partir do mes de xuño. Polo de agora o único prezo que se deu a coñecer é o do Zenfone 5Z de 4 + 64 GB, que será de 479 euros.

Sobre o autor

Reply