Ulefone T2 Pro e Ulefone X, dous terminais con pantalla estilo iPhone X

Da man de Ulefone chegaron a Barcelona dous terminais que a primeira vista lembran ao iPhone X, tanto pola cella “notch” da pantalla principal como polo deseño, aínda que cun ratio pantalla / teléfono maior. Son os Ulefone T2 Pro e Ulefone X.

Ulefone T2 Pro

O Ulefone T2 Pro é o terminal máis potente de Ulefone, e ten como principal característica a práctica ausencia de marcos na parte frontal, adaptándose á forma do dispositivo, con esquinas recurtadas. Ademais, como xa comentamos, leva o “notch” central para albergar o altofalante e a cámara dianteira, o que divide o espazo de notificacións en dúas partes.

Das súas especificacións destacan as seguintes:

  • Pantalla de 6,7 polgadas 18:9 FHD+, 2160×1080
  • Procesador Helio P70, de 4 Cortex A73 a 2 Ghz + 4 Cortex A53 a 2 Ghz
  • 8 GB de RAM e 128 GB de memoria interna
  • Cámara principal dual de 21 MP e 13 MP respectivamente
  • Cámara dianteira de 16 MP
  • 5000 mAh de batería
  • Lector de pegadas integrado en pantalla e recoñecemento facial
  • Android Oreo, 8.1

A parte traseira está acabada en cristal, polo que a sensación de fraxilidade cando se ten na man é moi elevada. De feito, as dúas unidades que tiñan dispoñíbeis para tomar fotografías estaban quebradas por algunha caída, como se pode ver na imaxe superior.

Cómpre dicir que malia o atractivo estético a primeira vista, observamos bastantes eivas, entre elas unha de adaptación do software á forma da pantalla. A foto da parte frontal amosa como a hora aparece cortada pola curvatura do dispositivo, algo que agardamos esté corrixido para cando se faga o lanzamento comercial, dado que estas unidades non eran finais.

Ulefone X

Por outro lado temos o Ulefone X. Este é o modelo que máis se asemella ao iPhone, e non só no nome. As súas características son algo inferiores con respecto ao Ulefone T2 Pro, aínda que non deixan de ser atractivas, cando menos sobre o papel.

As principais son as que seguen:

  • Pantalla de 5,85 polgadas de relación 18:9 HD+ 720×1440
  • Procesador MT6763
  • 4 GB de RAM e 64 GB de memoria interna
  • Cámara principal dual de 16 MP + 5 MP e frontal de 13 MP.
  • Batería de 3.300 mAH sen carga rápida.
  • Lector de pegadas na parte traseira
  • Android Oreo, 8.1

En canto ao prezo e dispoñibildade non temos confirmación, pero de seguro que a máis de unha lle vai chamar moito a atención o seu deseño, característica principal pola que destacan ambos os dous terminais.

Sobre o autor

Reply