O fabricante francés Alcatel tamén amosou no Mobile World Congress as súas novidades, entre as que temos que destacar catro modelos de teléfono para suplir as necesidades de diferentes perfís de usuario. Son os novos Alcatel 5, Alcatel 3V e Alcatel 1X. Vexámolos máis polo miúdo.
Alcatel 5
O Alcatel 5 é o dispositivo máis ambicioso de todos os que presentou este ano Alcatel, e destaca pola súa pantalla axustada aos bordes, con escaso marco. É un panel de 5,7 polgadas, aínda que con resolución HD+ 720 x 1440 e unha relación de aspecto 18:9.
O procesador que monta é un MediaTek MT6750 con 8 núcleos a 1,5 GHz, 3 GB de RAM e 32 de memoria interna. Para a fotografía elixiron un sensor principal de 12 MP e na parte dianteira incorporan un sistema de doble cámara de 13,5 Mpx. Dispón dunha batería de 3000 mAh, leva sensor de pegadas dixitais, NFC e USB-C. O seu prezo é de 229 euros.
Alcatel 3V
O Alcatel 3V é un terminal dirixido a outro público, pois destaca por ter unha pantalla de 6 polgadas fHD+ (1080 x 2160) con formato 18:9, que seguro que se lle fai grande a moita xente.
O procesador que leva tamén é un modelo de MediaTek de oito núcleos, como o do Alcatel 5, e levará unha combinación de memorias de 16 GB de interna e 2 GB de memoria RAM.
O que máis destaca deste modelo é o apartado fotográfico, onde temos un sistema de dobre cámara principal, formado por unha cámara de 16 megapíxeles e outra de 2 Mpx. Sairá á venda con Android 8.0 Oreo e o seu prezo é de 230 euros.
Alcatel 1X
Por último, Alcatel tamén presentou o Alcatel 1X, o modelo máis básico de todos. Está orientado a outro tipo de público, que simplemente busca un modelo que lle sirva para chamar, sacar unhas poucas fotos e empregar as aplicacións de mensaxería instantánea.
Está equipado cunha pantalla de 5,3 polgadas, con formato 18:9 e resolución HD 960 x 480 píxeles. No interior temos un procesador de catro núcleos a 1,3 GHz, o MediaTek MT6739, xunto con 1 GB de RAM e 16 GB de memoria interna, ampliábeis por microSD.
A cámara traseira é de 13 megapíxeles, e a frontal queda nos 8 Mpx. A súa batería é de 2460 mAh e usará Android 8.0 Android Go. Poderase mercar a partir do mes de abril por 99,99 euros, aínda que tamén haberá unha versión 3G por 10 euros menos.