Nokia 8 Sirocco, Nokia 7 Plus e Nokia 6: as apostas de THC no MWC

TCH, o fabricante detrás da mítica marca Nokia, amosou no Mobile World Congress as súas actuais apostas polo mundo Android, encabezadas polo Nokia 8 Sirocco, que destaca pola súa pantalla curva. Xunto a el, compartindo protagonismo, estaban o Nokia 7 Plus e o Nokia 6 2018.

Nokia 6 2018

O novo Nokia 6 é un dispositivo no que oa fabricante introduciu algunhas prestacións de gama alta, pero mantendo a esencia de móbil de gama media “completiño”.

Cun deseño continuísta, e apostando por unha pantalla de 5,5 polgadas FullHD, o Nokia 6 incorpora un lector de pegadas dixitais, algo que non tiña o seu predecesor. No que ten a ver co resto de especificacións temos un procesador Qualcomm Snapdragon 630, combinación de 3 + 32 GB de RAM e memoria interna ou 4 + 64 GB e Android One con Android Oreo 8.0.

No aspecto fotográfico temos unha cámara principal de 16 megapíxeles e unha dianteira de 8 Mpx. Ademais leva unha batería de 3300 mAh de capacidade, con carga rápida (50% en media hora) e carga sen fíos.

O Nokia 6 2018 custará 279 € e chegará ao mercado no próximo mes de abril.

Nokia 7 Plus

Cun deseño que lembra ao Pixel 2 XL de Google e uns acabados en cerámica, o Nokia 7 Plus é un modelo máis ambicioso. O primeiro que destaca del é a súa pantalla IPS de 6 polgadas, un panel con formato 18:9 e unha resolución de 2160 x 1080 píxeles.

No seu interior leva o procesador Qualcomm Snapdragon 660, xunto con 4 GB de RAM e 64 GB de memoria interna, ampliábeis mediante microSD. A batería é de 3800 mAh de capacidade e tamén aposta por Android One, con Oreo 8.0 como versión de pertida.

Está equipado con porto USB Tipo C e tamén jack de audio 3.5 mm. Na parte fotográfica temos unha lente dobre de 12 megapíxeles (que destaca pola óptica Zeiss) na parte traseira, así como unha cámara frontal de 13 megapíxeles, con boa apertura para selfies máis luminosos.

Está previsto que se poña á venda no mes de abril por 399 euros.

Nokia 8 Sirocco

Durante a súa presentación THC dixo que era o “smartphone máis fermoso que creou a compañía”, e seguramente sexa certo. Equipado cunha pantalla pOLED de 5,5 polgadas curvada en ambos lados, como os buques insignia de Samsung desde o S6, o Nokia 8 Sirocco é o trebello máis ambicioso da compañía.

Dándolle vida temos o procesador Qualcomm Snapdragon 835, xunto con 6 GB de RAM e unha memoria interna de 128 GB, ampliábeis mediante microSD. A batería é de 3260 mAh, e ao igual ca os outros dous modelos, tamén leva Android 8.0 Oreo con Android One.

Na súa parte posterior atopámonos co lector de pegadas dixitais e o sistema de dobre cámara, neste caso formado pola combinación dun sensor de 12 megapíxeles con apertura f/1.75 e outro de 13 megapíxeles con f/2.6. A cámara frontal é de 5 megapíxeles con apertura f/2.0.

O seu prezo xa sube até os 749 €, converténdose nun terminal referencial da marca para este ano. Tamén está previsto que a súa comercialización comece no mes de abril.

Sobre o autor

Reply