Nokia 8110 4G, outra volta á nostalxia dunha marca mítica

HDM volveuno facer. Logo de ter presentado na edición a anterior un renovado 3310, no Mobile de 2018 o fabricante chinés que agora ten os dereitos da marca Nokia recupera outro mítico, o Nokia 8110 4G, coñecido por moitas como o “banana phone” de Matrix.

O novo trebello, que efectivamente lembra na forma a un plátano, é un “teléfono parvo”. Polo tanto podemos esquecernos de contar con Android como sistema operativo ou tan sequera cunha pantalla táctil. O teléfono funciona con teclas físicas, os números de toda a vida.

En canto ás súas especificacións, temos un panel de 2,4 polgadas con resolución 320 x 240 píxeles, procesador Qualcomm de 2 núcelos, 512 MB de memoria RAM e 4 GB de memoria interna. Con esta folla de características poucas mercaríamos un modelo en pleno 2018, mais polas súas funcións a este modelo non lle fai falla máis.

No apartado da fotografía temos unha cámara sinxela de 2 megapíxeles, da que non podemos agardar máis ca ter un recordo pixelado. A súa batería queda nos 1500 mAh, o que ofrece unha autonomía de varios días de duración.

Con todo, e malia ser un teléfono maioritariamente destiando a chamadas, o teléfono pode usarse para algunha que outra aplicación, como Gmail, Google Maps ou Google Assistant. Ademais permite o uso como router (zona WiFi), o cal fai que sexa un modelo que pode estar destinado a esta nova xeración de “avós” que optan por un móbil tradiconal e queren acceder a ler o xornal desde un portátil cunha única tarifa móbil, prescindindo do fixo.

O novo Nokia 8110 4G porase á venda por 79 euros, un prezo bastante interesante para quelas nostálxicas da Nokia de antaño.

Sobre o autor

Reply