TP Link amosou no MWC os seus terminais Neffos C7 e Neffos N1

TP Link é unha marca maioritariamente coñecida polas súas solucións de conectividade. Porén, nos últimos tempos a compañía desenvolveu unha liña de teléfonos chamada Neffos, destinada maioritariamente a un público de gama entrada e media. Durante o Mobile World Congress celebrado a semana pasada en Barcelona, o fabricante amosou dous dos seus últimos modelos, o Neffos C7 e o Neffos N1.

Neffos C7

O primeiro destes modelos, o Neffos C7, é un dos terminais máis asequíbeis da marca, que seguindo as tendencias actuais do mercado ten no metal un dos seus materiais principais. Destaca, dentro da súa gama, por estar equipado cunha cámara frontal de 8 megapíxeles e 86 graos de imaxe, para sacar mellores selfies, e unha cámara traseira de 13 megapíxeles.

A súa pantalla é un panel IPS – LCD de 5,5 polgadas con resolución HD, e no seu interior leva un procesador MediaTek MT6750 (oito núcleos a 1,5 GHz), xunto con 2 GB de RAM e 16 GB de memoria interna ampliábeis mediante tarxetas microSD. Ademais, ao igual que as gamas superiores da marca, o teléfono está equipado con sensor de pegadas dixitais, situado na parte traseira.

En canto á dispoñibilidade e prezo, está previsto que o Neffos C7 chegue ao noso mercado nos próximos meses por un prezo de venda recomendado de 139,99 euros, aínda que algún distribuidor xa anunciou que o terá por 159 euros.

Neffos N1

Por outro lado temos o Neffos N1. Trátase dun teléfono moito máis ambicioso, que a pesar de que tamén conta cunha pantalla de 5,5 polgadas esta xa é Full HD. No seu interior leva un procesador MediaTek Helio P25, e xunto a el 4 GB de RAM e 64 de memoria interna, tamén ampliábel mediante tarxetas microSD até 128 GB.

No apartado fotográfico temos unha cámara traseira dobre, formada por dous sensores de 13 megapíxeles (un a cor e outro en branco e negro), mentres que se vamos á parte frontal temos dous sensores xemelgos, neste caso de 8 megapíxeles.

A súa batería é de 3260 mAh de capacidade, e tamén dispón de sensor de pegadas dixitais traseiro. Está previsto que chegue no mes de xuño ao noso país por 399 euros.

Sobre o autor

Reply