Nubia no MWC: Un móbil gaming, os Z17S e Z17 Mini S e solucións para o fogar

O fabricante chinés Nubia estivo presente no Mobile World Congress 2018, aínda que desta vez reservándose de facer presentacións de novos dispositivos. Porén, a súa presenza serviunos para coñecer os Nubia Z17S e Nubia Z17 mini S, que se venden no noso país desde hai unhas semanas, así como para coñecer as intencións da empresa de cara os próximos meses.

Nubia Z17S / Z17 mini S

O Nubia Z17S é o actual buque insignia da compañía, un modelo que aposta por unha pantalla de gran tamaño case infinita e unah cámara dobre que aposta polo alto, e todo ilo cun deseño premium e uns acabados a altura dos perfís máis exixentes.

A súa pantalla é un panel Full HD+ de 5,73 polgadas (2040 x 1080 píxeles) e no seu interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon 835 con GPU Adreno 540. Acompáñano 6 ou 8 GB de memoria RAM, segundo versións, e 64 ou 128 GB de memoria interna, en todos os casos ampliábeis mediante tarxetas microSD.

A batería é de 3100 mAh con carga rápida NeoCharge 2.5 e leva catro cámaras, dúas na parte dianteira de 5 +5 megapíxeles e dúas na parte traseira, de 23 + 12 megapíxeles.

Por outra banda, o Nubia Z17 Mini S é un teléfono de gama media premium, que de “mini” ten pouco. Destaca pola súa dobre cámara, tanto na parte de diante como na de atrás, aínda quetamén polo resto de especificacións.

Leva unha pantalla Full HD de 5,2 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 653, 6 GB de RAM e 32 ou 64 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD. A batería é de 3200 mAh (con carga rápida) e as súas cámaras son de 13 + 13 Mpx (traseira) e 16 + 5 Mpx (dianteira).

Móbil gaming

Por outra banda, Nubia amosou un prototipo dun teléfono no que están traballando e que verá a luz ao longo do ano, aínda que desde a empresa preferiron non fixar unha data concreta.

Trátase dun teléfono gaming, do que até o de agora descoñecemos calquera tipo de especificacións, polo que as sorpresas poden vir por moitos sitios. Que será un terminal con grandes especificacións ninguén o dúbida, sobre todo vendo o catálogo de teléfonos da marca, mais que terá de especial? Teremos que agardar aínda un pouco para sabelo…

Solucións para o fogar e para o coche

Finalmente, no stand de Nubia puidemos coñecer algunha das solucións que a empresa comercializa na China para o fogar conectado e para os vehículos, solucións que de momento non está previsto que cheguen ao noso país.

Por unha banda puidemos ver unha pechadura intelixente, con apertura por PIN ou a través de pegadas dixitais, e por outro unha opción que nos gustou moito para implementar nos vehículos: o retrovisor intelixente: Nun espello que funciona como tal podemos ter acceso, ao tempo, a aplicacións de mapas ou con información útil, sen que iso implique perder o efecto espello.

Que vos parecen estas propostas de Nubia?

Sobre o autor

No Responses

Reply