Cat S61, un terminal robustecido con cámara FLIR

O fabricante de teléfonos robustecidos CAT anunciou un novo modelo, o CAT S61, equipado con tecnoloxías como a cámara térmica FLIR con imaxe mellorada, sensor de calidade de aire en interiores e a capacidade de medir as distancias mediante láser.

A súa cámara térmica FLIR é sen dúbida a prestación que máis destaca deste modelo, mellorando sobre a versión anterior, o CAT S60. Ademais de ter un software mellorado, ofrece maior contraste de imaxe, rango de temperatura de funcionamento até os 400 graos e unha actualización de VGA con detalles de alta definición para a cámara visíbel.

Deste modo, o CAT S61 conta con novas funcionalidades e melloras para podelo usar en situacións nas que se necesita conectividade, portabilidade e unha maior calidade de imaxe. Agora é posíbel usalo para diagnosticar vehículos, supervisar o asfalto ou realizar o control de materiais sometidos a altas temperaturas. Súmanse así aos usos que xa tiñamos visto, como o control de perdas de calor en portas e xanelas, a localización de manchas de humidade e a identificación de electrodomésticos sobrecalentados ou circuítos sobrecargados, alén da visión nocturna.

Outra novidade é a integración dun sensor de calidade do aire en interiores de Sensirion, que alerta ás usuarias sobre a presenza de altos níveis de contaminantes (VOC, compostos orgánicos volátiles) no entorno de traballo, como poden ser pinturas ou disolventes. Así mesmo, tamén incorpora a medición de distancia con láser, podendo levar a cabo medicións punto a punto de até 10 metros e cálculos da área.

En canto ás especificacións, o CAT S61 leva unha pantalla FHD de 5,2 polgadas protexida con Corning Gorilla Glass 5 e optimizada para o seu uso en exteriores. No seu interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon 630, de oito núcleos a 2,2 GHz, xunto con 4 GB de RAM e 64 GB de memoria interna, ampliábeis mediante microSD.

A cámara principal é de 16 megapíxeles, con capacidade de gravación en 4K, e a frontal queda nos 8 Mpx. A conectividade vén dada por LTE Cat 13, con VoLTE e VoWiFi, dispón de GPS; NFC, WiFi de dobre banda e Bluetooth 5.0. Como sistema operativo leva Android 8.0, con acceso a unha tenda de aplicacións específicas par este tipo de trebellos.

O CAT S61 estará dispoñíbel ao longo do segundo trimestre do ano por 899 €. Como sempre, poderase mercar a través da páxina do fabricante ou a nas tendas minoristas e operadoradores seleccionados.

Sobre o autor

Reply