Con todo o ruído mediático do Mobile World Congress houbo unha nova que case pasou desapercibida: fíxose oficial a morte do teclado Swype. A compañía encargada do seu desenvolvemento anunciou que vai deixar de dar soporte e actualizalo, confirmando así a fin dun teclado pioneiro.
Para aquelas usuarias que non o coñezan, Swype foi o primeiro teclado en facilitar a entrada de texto cunha única man, pois tan só desprazando o dedo sobre a pantalla, de letra a letra, podíamos escribir palabras. Foi toda unha revolución na súa época, pois ademais ía aprendendo co uso, facilitando aínda máis a comodidade e mellorando moito a velocidade de escritura.
Pois ben, malia ter sido o primeiro en cubrir esa necesidade foron moitas as empresas que lanzaron os seus teclados e pasaron a competir por ese nicho, especialmente con Swiftkey, Chorme Keyboard ou mesmo o teclado de Google, entre outros. Por esa razón, o proxecto Swype deixou de ser apetecíbel baixando o número de descargas da aplicación.
Malia todo, Nuance, a empresa destrás de Swype, non desaparece e anunciou que seguirá traballando no mundo do móbil, adicándose ao campo da Intelixencia Artificial con solucións para o mundo empresarial.