O Huawei P20 Lite xa é oficial, sumándose á moda do “notch” en pantalla

O próximo 27 de marzo Huawei presentará a súa serie “P20”, mais o primeiro destes tres modelos vense de facer oficial. Falamos do Huawei P20 Lite, un teléfono que xa fora filtrado case por completo e que destaca pola súa pantalla, que inclúe o xa popular “notch” na parte superior.

O P20 Lite leva unha pantalla de 5,8 polgadas con resolución Full HD e formato 19:9, adaptándose así ao estilo que está a conquistar os gustos das consumidoras neste 2018. No seu interior atopámonos co procesador Kirin 659, un modelo de oito núcleos, xunto con GPU Mali-T830 MP2 (o mesmo que o Huawei P Smart). A RAM é de 4 GB e a memoria interna de 64 GB, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 256 GB.

No apartado fotográfico temos unha cámara traseira dual formada por sensores de 16 e 2 megapíxeles, que como no resto de teléfonos do fabricante chinés está orientada a mellorar o modo retrato. Na parte frontal temos unha cámara de 16 megapíxeles con flash.

Completando a listaxe de especificacións temos o lector de pegadas dixitais, unha batería de 3000 mAh (se cadra bastante xusta para unha pantalla desas dimensións), Bluetooth 4.2 e NFC, o sensor que nos permite pagar co móbil e que sorprendentemente Huawei aínda non inclúe en varios dos seus móbiles actuais.

O Huawei P20 Lite custará 380 euros e estará dispoñíbel en apenas un par de semanas.

Sobre o autor

No Responses

Reply