Novo Sharp Aquos S3 Mini: sen marcos e con notch

O fabricante xaponés Sharp foi un dos pioneiros na eliminación dos marcos nos móbiles, e agora vén de lanzar un novo modelo que continúa nesa liña. Falamos do Sharp Aquos S3 Mini, un dispositivo con pantalla de 5,5 polgadas con notch e unha forte aposta pola cámara dianteira, cun sensor frontal de 20 megapíxeles.

Non cabe dúbida de que o que máis chama a atención deste trebello é a súa pantalla, un panel frontal de 5,5 polgadas con resolución 2040 x 1080 píxeles, un brillo de 550 nits e un ratio do 87,5%. No seu interior leva o procesador Qualcomm Snapdragon 630, xunto con 6 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna, iso si, ampliábeis mediante microSD.

No apartado fotográfico temos unha cámara traseira de 16 megapíxeles, mentres que a frontal é de 20 Mpx. Ambas as dúas teñen unha apertura de f/2.0. Neste senso, Sharp preferiu enfocar os seus esforzos na cámara dianteira, cun modo beleza potenciado por intelixencia artificial e tamén apostando polo seu uso para o desbloqueo facial.

A batería sitúase nos 3020 mAh de capacidade. Dispón de USB Tipo C, sensor de pegadas dixitais dianteiro e capacidades dual SIM. O sistema operativo de partida é Android 7.1.1. Nougat, aínda que personalizado coa capa propia Smile UX.

O novo Sharp Aquos S3 Mini vai estar dispoñíbel a partir do 30 de marzo en negro, azul e dourado. Custará uns 205 euros ao cambio actual.

Sobre o autor

Reply