O fabricante chinés Nubia vén de presentar un novo dispositivo, o Nubia V18. Trátase dun modelo de gama media con características que fan del un trebello moi interesante, sobre todo se acaba por chegar ao mercado europeo de maneira oficial.
O teléfono vén equipado cunha pantalla de 6 polgadas con resolución FHD+ (2160 x 1080 píxeles) e ratio 18:9, e no seu interior leva o procesador Qualcomm Snapdragon 625, xunto con 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna. Esta capacidade pode aumentarse a través de tarxetas microSD de até 128 GB de capacidade.
A diferenza da meirande parte dos teléfonos que veñen de China nos últimos meses, o V18 non leva sistemas de dobre cámara. Na parte traseira temos un sensor de 13 megapíxeles con apertura f/2.2 e na frontal unha de 8 megapíxeles con f/2.0.
A súa batería é de 4000 mAh de capacidade e pode empregarse para cargar outros dipositivos. Ademais, dispón de espazo para dúas tarxetas SIM. O Bluetooth é 4.1 LE e o sistema operativo Android 7.1 Nougat camuflado coa interface Nubia UI 5.1
Está previsto que se poña á venda en China o próximo 29 de marzo por uns 160 euros ao cambio.