Malia ter anunciado hai uns meses que deixarían as gamas máis básicas, HTC vén de anunciar os novos HTC Desire 12 e Desire 12 Plus, dous trebellos cos que queren competir no segmento que máis unidades move no mercado de teléfonos. Ambos os dous conservan a liña estética da familia Desire, aínda que adpotan a moda das pantallas con relación de aspecto 18:9, este ano enormemente extendida.
HTC Desire 12
O Desire 12 é o máis básico dos dous modelos. Leva unha pantalla de 5,5 polgadas con resolución HD+ (1440 x 720 píxeles) e relación de aspecto 18:9. No interior conta cun procesador de MediaTek (o modelo MT6739, de catro núcleos a 1,3 GHz), e opcións de 2 ou 3 GB de RAM, en ambos casos con 32 GB de memoria interna ampliábeis.
A cámara principal é de 13 megapíxeles con apertura f/2.2, flash LED e enfoque por detección de fase (PDAF), mentres que a frontal fica nos 5 megapíxeles. Como sistema operativo leva Android 7 Nougart aínda que coa capa de personalización HTC Sense.
HTC Desire 12 Plus
Pola súa banda, o Desire 12 Plus é un teléfono algo máis ambicioso. A súa pantalla sube até as 6 polgadas, aínda que coa mesma resolución HD+ cá o modelo base. O seu procesador pasa a ser un modelo de Qualcomm, o Snapdragon 450, de oito núcleos a 1,8 GHz, e a combinación de memorias é de 3 GB de RAM e 32 GB de memoria interna.
No apartado fotográfico temos unha cámara principal dobre, formada por un sensor de 13 megapíxeles e apertura f/2.2 e outro sensor secundario de 2 megapíxeles. Ten flash LED e enfoque PDAF, mentres que a cámara frontal é de 8 megapíxeles e leva apertura f/2.0.
Finalmente, cabe destacar que dispón de lector de pegadas dixitais e que sae á venda con Android 8.0 Oreo, aínda que novamente coa capa HTC Sense.
Dous modelos sinxelos con deseño premium
Como se desprende das fichas técnicas que fomos desgranando ao longo do artigo, estamos a falar de dous modelos sinxelos no apartado de hardware, aínda que imaxinamos que, seguindo a liña dos últimos dispositivos de HTC, terán uns resultados máis que aceptábeis na parte fotográfica.
O que si cabe pór en valor é o seu deseño, que resulta da fusión da estética Desire de sempre coas novas liñas que se estilan neste momento e o uso de novos materiais, o que sen dúbida é de agradecer.
En canto á política de prezos, de momento non hai información oficial, aínda que se rumorea que o HTC Desire 12 de 3 GB de RAM custaría arredor de 200 euros e o modelo “plus” uns 250. Haberá que agardar a que HTC se prenuncia sobre este tema.