Huawei anuncia a nova familia P20

Tras moito tempo de rumores e expectativas, Huawei vén de dar a coñecer de maneira oficial a nova familia de dispositivos P20. Trátase de tres modelos que chegan para cubrir tres rangos de prezo, adaptándose así ás diferentes necesidades das usuarias. Son os P20, P20 Lite e P20 Pro.

O Huawei P20 Lite foi anunciado con pouco ruído hai uns días, apostando pola pantalla infinita, o sistema de cámara dual polo que está a apostar fortemente Huawei e o notch en pantalla, inspirándose así fortemente no deseño que popularizou o iPhone X. No post que escribimos no seu momento podedes ver toda a información sobre el.

Huawei P20

Un dos protagonistas de hoxe é o Huawei P20. Trátase do modelo orientado ao público que busca un gama alta sen ir ao modelo máis “pro” da serie. O primeiro que chama a atención del é a súa pantalla infinita de 5,84 polgadas con notch, aínda que temos que lamentar que Huawei siga sen apostar pola resolución QHD que xa integran todos os fabricantes na gama alta, quedando nos 1080 x 2280 (432 píxeles por polgada).

No seu interior atopámonos cun procesador HiSilicon Kirin 970 de fabricación propia, acompañado de 6 GB de RAM e 128 GB de memoria interna, aínda que haberá tamén unha versión de 4 + 64 GB. Se imos ao apartado fotográfico atopámonos cunha cámara principal dual certificada por Leica, formada por un sensor de 12 megapíxeles con apertura f/1.7 e outro de 20 megapíxeles, tamén de f/1.7. Do outro lado, na parte frontal, temos unha cámara única de 24 megapíxeles con apertura f/2.0.

Nun primeiro achegamento puidemos apreciar o esforzo do fabricante por ofrecer unha experiencia notábel na calidade dos acabados, cun dispositivo de corpo metálico e con opcións de cor arriscadas e moi atractivas. Destaca a aposta polo conector tipo C, eliminando o jack de audio e incorporando os auriculares compatíbeis con este conector na caixa do teléfono.

No apartado software temos Android 8 Oreo, aderezado coa habitual capa de Huawei. Tamén cabe sinalar a presenza de solución de intelixencia artificial, a meirande parte delas relacionadas coa cámara, na liña do que están a facer outros grandes fabricantes como Samsung ou LG, con quen Huawei quere medirse neste segmento de produto.

Huawei P20 Pro

Pola  súa banda, o Huawei P20 Pro é o modelo máis ambicioso dos tres. A súa pantalla sube até as 6,1 polgadas, aínda que mantendo a mesma resolución 1080 x 2240 píxeles, e o procesador HiSilicon Kirin 970, e a combinación de memorias6 + 128 GB como única opción.

A gran diferenza co modelo base, e en xeral coa competencia, témola na cámara coa integración de tres cámaras traseiras (40  Mpx+ 20 Mpx + 8 Mpx), que haberá que probar en detalle para ver se realmente se lles saca partido ou se simplemente é unha manobra de marketing. O que si parece claro é que, deixando de lado as tres cámaras, Huawei aspira a que o seu P20 Pro compita neste aspecto co Samsung Galaxy S9+, iPhone X e Google Pixel 2XL polas mellores fotografías.

Dispoñibilidade e prezo

O Huawei P20 Lite xa leva uns días á venda por 369, mentres que o P20 pódese mercar desde hoxe por 649 euros. Polo P20 Pro teremos que agardar aínda uns días, e poderá adquirirse por 899 euros.

En calquera caso, e vistas as manobras habituais da marca, o máis seguro é que non tardaremos en ver como todos estes modelos baixan de prezo de forma significativa nas próximas semanas.

Sobre o autor

Reply