Archos Saphir 50X, o último trebello todoterreo de Archos

O fabricante francés Archos vén de anunciar un novo teléfono robustecido, o Archos Saphir 50X. Trátase dun dispositivo orientado a un público que precisa contar cun terminal resistente para uso en exteriores e que non quere, ou non pode, gastar grandes cantidades por el.

O teléfono está equipado cunha pantalla de 5 polgadas, cuxa resolución é HD (1280 x 720 píxeles). No seu interior leva un procesador de catro núcleos a 1,3 GHz, xunto con 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, ampliábeis a través de memorias microSD de até 128 GB de capacidade. Pola súa banda, a batería é de 4000 mAh de capacidade.

No apartado fotográfico, o Saphir 50X de Archos conta con dúas cámaras, unha traseira de 13 megapíxeles (con enfoque automático e flash LED) e unha frontal que queda nos 5 Mpx. Sen descatar especialmente neste punto, o certo é que con elas poderemos captar imaxes cunha calidade aceptábel nas excursións pola montaña ou baixo a auga.

En canto ao seu deseño, está equipado cunha carcasa resistente IP68, capaz de aguantar impactos e caídas dun metro, ademais de exposicións a pó e á auga. De feito, pode estar somerxido durante 30 minutos a temperaturas entre -20 e +55 graos centígrados.

O Archos Saphir 50X xa está dispoñíbel por 149,99 euros, a través dos puntos de venda habituais da marca.

Sobre o autor

Reply