Sony anunciou onte o lanzamento do novo Sony Xperia XZ2 Premium, unha variante do XZ2 presentado no pasado Mobile World Congress de Barcelona que destaca pola súa pantalla 4K e a dobre cámara traseira, enfocada tanto á fotografía como á gravación de vídeo.
O novo smartphone de Sony integra unha pantalla IPS LCD de 5,8 polgadas HDR con resolución 4K. No seu interior temos o procesador estrela da gama alta neste 2018, o Qualcomm Snapdragon 845, xunto con 6 GB de memoria RAM e 64 GB de almacenaxe interna, ampliábeis con tarxetas microSD de até 400 GB de capacidade adicional, algo a ter moi en conta se pensamos empregalo para vídeo en alta resolución.
A cámara traseira está composta por un sensor dobre, un en cor e outro en branco e negro, e está orientada a sacar fotos en mala condición de luminosidade. Ademais, conta con moitas opcións destinadas ao vídeo, como a gravación en Super Slow Motion a 960 fps até FullHD, o 4K HDR ou as posibilidades de creación 3D. Na parte frontal temos unha cámara bastante interesante de 13 megapíxeles.
Completando a folla de especificacións temos unha batería de 3540 mAh de capacidade, con carga rápida e carga sen fíos, así como a resistencia á auga e pó segundo o estándar IP68. Leva USB 3.1 Tipo C, NFC, Bluetooth 5.0 e Android 8 Oreo, aínda que personalizado coa estética de Sony.
Se falamos de deseño, o novo Xperia XZ2 Premium segue a liña de cambio iniciada en febreiro co Xperia XZ2, resultando un terminal con aristas redondeadas e menos agresivas, algo que vén a romper co estilo de Sony dos últimos anos.
Dispoñibilidade e prezo
Está previsto que o novo trebello de Sony chegue ás tendas en verán, aínda que de momento non hai unha data oficial nin un prezo estimado. En calquera caso, imaxinamos que rondará os 900 euros.