Vodafone eliminará Wallet a partir do 28 de xuño

Malia que operadoras como Orange ou Másmóvil están a amosar o seu interese polos servizos de banca móbil, Vodafone vén de dar un paso atrás neste tipo de produtos ao anunciar o peche definitivo de Vodafone Wallet – o seu serizo de tarxeteiro dixital – o próximo 28 de xuño.

Vodafone Wallet é un servizo de tarxeteiro dixital que permitía ás usuarias ter as súas tarxetas de débito ou crédito Visa e MasterCard asociadas e pagar co móbil, con independencia do banco contratado e de se este tiña ou non servizos de pago contactless. Ademais, Vodafone Wallet tamén servía para ter virtualizadas as diferentes tarxetas de puntos e mesmo pagar o transporte público en varias cidades.

Porén, sen moita explicación, Vodafone anunciou o peche do servizo o próximo 28 de xuño, aínda que este irase facendo de modo paulatino. A primeira data que debemos ter en conta é o 19 de abril, data desde a cal xa non se poderán vincular novas tarxetas nin se poderán facer recargas das tarxetas de Wallet Transporte, agás en Málaga, onde o servizo de recarga estará dispoñíbel até o 30 de abril.

En calquera caso, e a pesar destes movementos cara o seu peche, as usuarias poderán seguir pagando con Vodafone Wallet con normalidade até o próximo 28 de xuño.

 A pesar de ter sido un dos pioneiros do pago móbil no noso país, semella que Vodafone non foi quen de manter o liderado fronte alternativas como Samsung Pay, dispoñíbel na gama media – premium e alta de Samsung, ou Apple Pay, a equivalente dos dispositivos de Apple, nin tampouco coas ferramentas propias dos bancos, que cada vez apostan máis por este tipo de sistemas de pago sen contacto no camiño cara a eliminación das tarxetas físicas.

Sobre o autor

Reply