Google leva anos tratando de dar coa aplicación de mensaxería que sexa quen de plantarlle cara a WhatsApp, sen ter acadado o éxito até o de agora. Tras o intento de Allo e Duo, agora vimos de saber que a compañía de Mountain View vén de paralizar o desenvolvemento de Allo para centrarse nunha nova ferramenta chamada Chat.
O desenvolvemento de Chat por parte de Google baséase no estándar de comunicación RCS (Rich Communication Services), coñecido como “o WhatsApp das operadoras”. RCS nace no seo da asociación GSM (que aglutina operadoras de todo o mundo) para tratar de implementar unha tecnoloxía de comunicación instantánea que veña sustituír aos SMS.
Entre as súas grandes vantaxes está a interoperatividade, xa que todas as usuarias de Android poderán beneficiarse deste sistema ao intercambiar mensaxes multimedia con outras clientas Android. Deste modo, máis que falar dunha aplicación nova deberíamos falar de funcións extra á aplicación de mensaxes tradicional, que Google enriquecerá integrando funcións como a busca de gifs ou o asistente.
Será quen de triunfar Chat? Obviamente é cedo para sabelo, pois todo dependerá do atractivo que resulte para as usuarias e da “presión” que fagan as operadoras e fabricantes para instar ao seu uso. Polo de agora a operadora americana Sprint ten activado o servizo, Samsung asegura que o integrará no seu software e Google calcula que nun prazo máximo de dous anos esté dispoñíbel en todos os Android.
Máis info | Verge