Oppo A3, unha nova alternativa de gama media

O fabricante chinés Oppo vén de anunciar o lanzamento dun novo modelo de gama media, o Oppo A3. Trátase dun trebello que segue os cánones de deseño actuais, con pantallas infinitas e a presenza da cella (ou notch) en pantalla. Así mesmo, tamén se avoga nel pola eliminación do lector de pegadas dixitais para dar paso ao recoñecemento facial como único elemento de identificación biométrica.

 

O Oppo A3 incorpora unha pantalla de 6,2 polgadas con resolución Full HD+ (2280 x 1080 píxeles) e formato 19:9. No seu interior atopámonos cun procesador MediaTek Helio P60 (oito núcleos, catro a 2 GHz Cortex A73 e outros catro a 2 GHz Cortex A53), 6 GB de RAM e 128 GB de memoria interna ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 256 GB.

No apartado fotográfico temos unha cámara principal de 16 megapíxeles con apertura f/1.8 e na frontal un modelo de 8 megapíxeles con apertura f/2.2. A batería sitúase nos 3.400 mAh de capacidade, e completando a listaxe de especificacións temos WiFi de dobre banda, Bluetooth 4.2, microUSB e jack de audio 3.5 mm.

Dispoñibilidade e prezo

O novo Oppo A3 xa se pode mercar na China por uns 280 euros ao cambio, estando dispoñíbel en catro cores: negro, prata, veremello ou rosa.

O máis probábel é que chegue nalgún momento ao mercado español, aínda que de momento non hai información sobre o tema.

Sobre o autor

Reply