Analizamos a Acer Iconia One 10 (B3-A40FHD )

Recentemente estivemos a probar a Acer Iconia One 10, concretametne o modelo B3-A40FHD, o superior desa serie. Trátase dunha alternativa neste segmento de produto que destaca por contar cunhas características bastante interesantes por debaixo dos 200 euros.

A continuación pasamos a analizar as súas principais características.

Deseño, acabado e conexións

Comezamos polo seu deseño. Vista desde o fronte, a tablet conta cuns marcos bastante anchos, mais non por isto incómodos, xa que permite empregármola tanto horizontal como verticalmente sen que teñamos os dedos que a suxeitan por parte da zona táctil da pantalla.

A ambos lados temos catro altofalantes, dous á esquerda e dous á dereira, cunha botoneira no medio que na dereita serve para subir e baixar o volume e na dereita para acceder a diferentes modos, como xa veremos máis adiante.

No lateral esquerdo sitúanse os conectores de audio jack 3.5 mm e microUSB para carga e/ou transferencia de datos. O botón de acendido atopámolo na parte superior do dispositivo, preto do micrófono, e nunha posición central temos a cámara, que pola tarde de atrás abulta, sendo esta unha característica bastante identificativa do modelo.

Aínda que un pouco pesada, a tablet resulta cómoda nas mans. Os acabados da parte traseira permite o seu agarre de maneira cómoda e non esvaraía.

Hardware e rendemento

No interior da tablet atopámonos cun procesador MediaTek MT8167A, un modelo de catro núcleos a 1,5 GHz. Xunto a el, 2 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, unha capacidade que nos permite ter unha chea de contido gardado.

Con este hardware a tablet é capaz de mover sen problema aplicacións básicas, como as de redes sociais ou correo, navegar sen dificultade e visualizar contidos multimedia. Porén, á hora de probar a usala con xogos máis potentes o rendemento baixa, pois non está preparada para iso.

Pantalla

A pantalla é un panel IPS con resolución WUXGA (1920 x 1200 píxeles, 226 píxeles por polgada) que destaca polo seu brillo, polo que permite visualizar as imaxes de maneira correcta tamén en exteriores.

A sú resolución pareceunos axeitada para o seu prezo, así como a nitidez das imaxes e o realismo das cores. O punto máis frouxo que lle vimos foi os ángulos de visión, pois perde bastante conforme nos imos separando da zona central, se a comparamos con outros modelos da competencia.

Cámara

Como temos comentado outras veces, o apartado fotográfico non é algo ao que lle prestemos moita atención nas tablets, pois certamente non son dispositivos orientados á fotografía.

O modelo que estamos analizando incorpora unha cámara traseira de 5 megapíxeles e outra frontal de 2 megapíxeles, cuxos resultados son estándar: nin fu nin fa. A súa presenza só se xustifica pola necesidade de contar con este hardware no caso de querer levar a cabo unha videochamada.

Batería

A batería é de 6100 mAh de capacidade, sen opcións de carga rápida, polo que leva bastante tempo cargala de todo. En canto á súa autonomía, sorprendeunos para ben, xa que conseguimos algo menos de 7 horas de pantalla, o cal está moi ben nun dispositivo destas características.

Software

A tablet vén con Android 7.0 Nougat, non sabemos se actualizábel a Oreo ou non. O seu aspecto está minimamente modificado por Acer para engadirlle algunhas opcións propias, mais tamén atopamos cambios máis profundos, especialmente os adicados á potenciación do son e da imaxe nunha tablet na que se aposta por estes aspectos

Aquí entran en xogo as teclas frontais do lado dereita, a través das cales poderemos acceder rapidamente a estes modos que adaptan a pantalla e son a un contido concreto, por exemplo, os vídeos. Desde logo, todo un acerto diferenciador.

Conclusións

A Acer Iconia 10 é unha tablet versátil, orientada a ese público que busca un trebello que lle permita acceder comodamente a Internet e disfrutar de contidos multimedia. Nese aspecto, a tablet de Acer é superior a moitos dos seus competidores, especialmente no apartado de son, ao xogar cos catro altofalantes frontais.

Así mesmo, os 32 GB de capacidade permiten almacenar moitos contidos, e ligando isto á súa batería de larga duración fai que sexa un modelo idóneo para, por exemplo, xente que viaxa.

O modelo analizado pódese atopar por 180 euros, un prezo que consideramos bastante adaptado ás súas prestacións.

Sobre o autor

Reply