Ao longo dos últimos días LG foi anunciando de maneira oficial as características do que é o seu novo terminal referencial, o LG G7 ThinkQ. Trátase do sétimo modelo da serie “G” do fabricante surcoreano, e o primeiro en incluír o apelido ThinkQ, que coñecemos coa versión mellorada do V30 durante o pasado MWC. ThinkQ significa intelixencia artificial, un dos topics que máis están a dar que falar na última fornada de teléfonos.
O LG G7 ThinkQ está equipado cun dos mellores procesadores do momento, o Qualcomm Snapdragon 848, e vén en dúas versión, unha con 4 GB de RAM e 64 GB de memoria interna e outra coa combinación 6 + 128 GB. A súa pantalla é de 6,1 polgadas, e leva unha resolución QHD+ (3120 x 1440 píxeles), ratio 19.5:9, 1000 nits de brillo e protección Corning Gorilla Glass 5. Ademais, o G7 ThinkQ cumpre a calificación IP68 de resitencia á auga e pó e supera os estándares militares MIL-STD 810G, para resistir en entornos duros. A batería é de 3000 mAh de capacidade, con carga rápida e sen fíos.
Un dos aspectos nos que máis novidades achega o LG G7 ThinkQ é o fotográfico. Leva 8 megapíxeles na cámara frontal e 16 na principal, ambas con configuración estándar ou súper gran angular, conseguindo fotos con boa resolución e moito máis detalle. Ademais, a aplicación da intelixencia artificial na cámara achega 19 modos de captura (8 máis ca no V30 ThinkQ), de maneira que se optimizan as posibilidades fotográficas.
Por outra banda, a intelixencia artificial tamén se aplica á integración de todas as funcións de Google Lens. Dispoñíbel dentro de Google Assistant e de Google Photos, Google Lens pode conseguir información sobre lugares e obxectos, como plantas, animais, libros ou mesmo recoñecer textos. Deste modo, será moito máis doado anotar citas no calendario ou buscar ingredientes dentro do menú, entre outras funcións. Neste senso, o Google I/O vai darnos varias claves de como vai avanzar Google por esta liña.
Así mesmo, o LG G7 ThinkQ tamén aposta polo audio, incluíndo un altofalante BoomBox que emprega o espazo interno do terminal como se fora unha caixa de resonancia, conseguindo así o dobre de graves que calquera outro teléfono sen necesidade de altofalante externos. Ademais, o novo trebello de LG é o primeiro con tecnoloxía DTS:X 3D, que consegue un son virtual 3D para calquera tipo de contido, con até 7.1 canles de audio a través de auriculares.
Dispoñibilidade e prezo
O LG G7 ThinkQ está xa dispoñíbel en Corea en varias cores (gris platino, negro aurora, azul moroccan, morado e rosa), e nos próximos días darase a coñecer a data de lanzamento no noso país. Segundo apuntan varios rumores, o LG G7 ThinkQ estaría dispoñíbel por 849 euros na versión máis básica, de 4 + 64 GB.