Nos últimos anos fomos vendo como moitas marcas lanzaron versións “Lite” dos seus modelos de referencia. Samsung semella non querer ficar allea a esta moda e, segundo apuntan varias informacións, estaría a piques de anunciar o Samsung Galaxy S8 Lite.
O primeiro que chama a atención deste trebello é, precisamente, o seu nome, pois se trata dunha versión derivada do S8 e non do S9, como correspondería de maneira lóxica. E é que o novo modelo semella, cando menos no deseño, ao gama alta do ano pasado do fabricante surcoreano.
En canto á súa folla de especificacións, a filtración apunta ás seguintes características técnicas:
- Pantalla de 5,8 polgadas con resolución FHD+
- Procesador de 8 núcleos a 2,2 GHz (Qualcomm Snapdragon 660 quizais?)
- 4 GB de RAM
- 64 GB de memoria interna ampliábeis
- Cámara principal de 16 Mpx
- Batería de 3000 mAh
- Android 8 – Oreo
A súa presentación está prevista para o próximo 21 de maio, e seguramente quede destinado unicamente ao mercado asiático. Ese día poderemos ver se se cumpren todas as especulacións sobre o citado modelo e se a súa comercialización chega ao noso país.
Ten boa pinta, a ver como acompaña o prezo. Tampouco me gusta moito a interface dos Samsung e a súa política de actualizacións na gama media.