Isto foi o máis destacado do Google I/O 2018

Un dos eventos máis agardados pola comunidade de desenvolvedoras Android é o Google I/O, a cita anual na que a compañía de Mountain View dá a coñecer os seus avances en aplicacións e software, mais tamén na que anuncia importantes novidades. Aínda que a cita deste ano foi algo máis lixeira ca outros anos, producíronse algúns anuncios que debemos destacar.

Duplex: cando Google Assistant é capaz de chamar por nós

O noso asistente de Google chamando por teléfono para facer unha reserva na perruquería? Ben, xa é posíbel, e así quedou demostrado na keynote inaugural, como poderedes ver no seguinte vídeo. De momento trátase dunha funcionalidade en probas, pero xa avanza cara onde pode ir a cousa nos próximos anos.

 

Google Lens: información en tempo real a través da cámara

Lens é un dos proxectos máis ambiciosos e con máis percorrido de Google, a aplicación que segue o curso iniciado por Goggles. Moi ligado ao asistente de Google, Lens permítenos apuntar a un determinado obxecto que queiramos recoñecer para que se faga a maxia. Deste modo diranos que é o que temos diante, ben sexa un produto, edificio famoso ou imaxes dun prato nun menú que descoñecemos. Ademais, Google Lens é capaz de seleccionar textos para traducilos ou simplemente copialos.

Sen unha data concreta para a súa dispoñibilidade, Google Lens estará listo nas “próximas semanas” e chegará aos diversos modelos, entre eles os novos BQ X2 e X2 Pro, así como a algúns LG, Motorola, Xiaomi, Nokia, Sony e OnePlus.

Google Maps: melloras en deseño, rutas en motocicleta e realidade aumentada.

A até o de agora mellor aplicación de mapas, Google Maps, tamén recibirá novidades proximamente. Tal e como se indicou no evento, ademais dun lixeiro retoque de cara para facelo máis social, engádese a posibilidade de seleccionar a motocicleta como transporte para o cálculo de rutas.

Así mesmo, tamén se engade a realidade aumentada ao modo navegación, resultando moito máis sinxelo chegar aos lugares seguindo a ruta marcada.

Google Fotos: melloras na edición e máis facilidades para compartir

Google Fotos é unha das aplicacións que máis novidades recibiu durante o I/O 2018. Entre elas, destacan as diferentes melloras de edición, que facilitará ás usuarias este proceso tanto nas opcións automáticas como nas que requiren algo de intervención humana.

Por outro lado,  Google diranos quen dos nosos contactos sae nas fotos e facilitará compartir as imaxes con esa persoa ou persoas. Finalmente, outra gran novidade de cara as usuarias nesta app témola no enfoque automático e na conversión de fotos a PDF directamente, unha función orientada ás persoas que usan os seus teléfonos para “escanear”.

Google News aposta pola IA

Google News aproveita fai uso da Intelixencia Artificial (IA) para crearnos un feed de novas adaptado aos nosos consumos de información, de maneira que potenciará aquelas informacións ou artigos máis relevantes para o noso gusto.

Novidades en Android P

Un segredo a voces da cita era que Google avanzaría moitas das novidades que chegarán coa próxima versión de Android, de momento sen nome oficial definitivo. Algunhas delas recollémolas a continuación:

  • Silenciado do móbil co volteo: esta é unha funcionalidade presente en moitos modelos Android, aínda que a través das modificacións que fan os fabricantes. A partir de Android P, será unha característica xenérica.
  • Limitación do uso: usas moito o móbil? A nova versión de Android permitirá establecer límites de uso temporal ás aplicacións que consideremos, de maneira que se, por exemplo, pasamos moito tempo nunha rede social, podemos seleccionar un tempo máximo diario.

  • Batería adaptativa: a través da intelixencia artificial, Android adaptará diferentes parámetros  do teléfono adaptándose aos nosos usos para aumentar a autonomía dos nosos trebellos.

Máis fabricantes probando a beta de Android P

 

Tradicionalmente as versións beta das últimas versións de Android podían instalarse só nos modelos “pure Google” seleccionados, é dicir, nos Pixel.

Porén, desta vez tamén son compatíbeis con esta beta dispositivos de outros fabricantes, como o Nokia 8, o Xiaomi Mi Mix 2S, o Sony Xperia XZ2 e o Essential Phone, o teléfono do ex-googler Andy Rubin.

Un ano que promete

Como se puido ver ao longo de todo ao artigo, moitas das novidades teñen detrás a presenza da Intelixencia Artificial, o que vén a demostrar que toda a información que Google leva analizando e tratando tantos anos está a dar os seus froitos, sendo capaces hoxe en día de facer moitas das nosas actividades de maneira case autónoma.

Desde o punto de vista tecnolóxico, estamos nun momento apaixonante, e o que resta de ano promete mellorar aínda máis neste sentido.

Sobre o autor

Reply