Zenfone Live L1, o primeiro modelo Android One Go de Asus

O fabricante taiwanés Asus anunciou a semana pasada o primeiro modelo Android One Go da compañía, un modelo que destaca por incorporar o software de Google totalmente limpo, prescindindo da capa de personalización Zen UI, a habitual da marca. Trátase do Asus Zenfone Live L1.

O dispositivo leva unha pantalla IPS de 5,45 polgadas con resolución HD+, é dicir, 1440 x 720 píxeles. No seu interior aposta por un procesador Qualcomm Snapdragon 425, xunto con 1 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, aínda que ampliábeis por microSD en até 2 TB adicionais. A súa batería é de 3000 mAh.

A súa cámara principal é de 13 megapíxeles, con enfoque láser PDAF e flash LED, mentres que na frontal temos un sensor máis sinxelo, de 5 megapíxeles. A conectividade vén dada polo 4G LTE, WiFi e Bluetooth 4.2, pero ademais tamén admite OTG USB.

Con estas prestacións é evidente que non se trata dun dispositivo avanzado, senón nunha aposta polo baixo para abrir o abano de opcións na gama de entrada. Neste segmento de produto, a aposta por Android One GO é todo un acerto, pois con iso limítase o consumo hardware cun software lixeiro, o que axiliza o comportamento do trebello.

Polo de agora o Asus Zenfone Live L1 non se pode mercar no noso país, aínda que noutros mercados xa está dispoñíbel por algo menos de 90 euros ao cambio. As opcións de cor son branco, negro, azul e rosa.

Sobre o autor

Reply