Google One, os novos plans de almacenaxe na nube de Google

Até o de agora Google viña ofrecendo tres alternativas ás usuarias que precisan máis espazo na nube do incluído no plan gratuíto de 15 GB, en concreto 100 GB por 1,99 €/mes, 1 TB por 9,99 €/mes e 10 TB por 99,99 €/mes. Este espazo compártese entre as tres aplicacións estrela de Google, é dicir, Gmail, Drive e Fotos.

Pois ben, a compañía de Mountain View vén de ir un paso máis aló co lanzamento de Google One, unha nova estratexia comercial que chega para sustituír os plans de pago de Google Drive.

Google One mantén o plan de 100 GB por 1,99 €/mes e engade unha opción de 200 GB por 2,99 €/mes. Ademais, elimina o plan de 1 TB de capacidade, que pasa a ser de 2 TB polos mesmos 9,99 €/mes. Todos os plans superiores mantéñense sen cambios.

Polo de agora descoñécese se Google ten previsto facer algunha oferta de pago anual que supoña algún aforro, como até o de agora, pero o máis probábel é que sexa así. O que si, Google anunciou novas vantaxes para favorecer o paso aos plans de pagamento, como o acceso a un servizo exclusivo de atención ao cliente, créditos de Google Play e ofertas exclusivas en plans alternativos que quedarán por concretar.

O cambio aos novos plans de Google One está previsto para os próximos meses. De momento podemos suscribirnos para que nos fagan chegar as novidades por correo electrónico na páxina web one.google.com

Sobre o autor

Reply