Nokia X6, o primeiro modelo de HMD con cella en pantalla

HMD Global, a compañía chinesa detrás da marca Nokia, vén de anunciar o lanzamento dun novo terminal, o primeiro do fabricante en sucumbir á cella (ou “notch”) combinada coa pantalla infinita. Trátase do Nokia X6, un modelo que xa se pode pre-reservar na China.

O novo Nokia X6 leva unha pantalla de 5,8 polgadas con resolución Full HD+ (2280 x 1080 píxeles) e ratio 18:9. No seu interior alberga un procesador Qualcomm Snapdragon 636z con GPU Adreno 509 e dúas combinacións de memorias: 4 GB de RAM con 32 GB de memoria interna ou 6 GB de RAM con 64 GB de interna, en ambos casos ampliábeis a través de tarxetas microSD de até 256 GB.

No apartado fotográfico, a cámara principal está formada por un sensor dobre de 16 megapíxeles con apertura f/2.0 e outra de 5 megapíxeles con f/2.2, mentres que a frontal é de 16 megapíxeles con f/2.

En canto ao resto de especificacións, cabe destacar a presenza do lector de pegadas dixitais na parte posterior do dispositivo, dual SIM, jack de audio 3.5 mm, Bluetooth 5.0 e USB tipo C. A súa batería é de 3060 mAh, con carga rápida.

Dispoñibilidade e prezo

O novo Nokia X6 poderase mercar en tres cores (negro, branco e azul), e polo de agora só vai estar dispoñíbel na China, aínda que se espera que a compañía anncie proximamente a súa versión internacional.

En canto a prezos, a versión de 4 + 32 GB custará uns 170 euros ao cambio, mentres que o modelo con 6 GB de RAM e 64 GB de memoria interna subirá até os 225 euros.

Sobre o autor

Reply